Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de abril de 2025

    A Escola de Comunicación da Fundación Getulio Vargas (FGV, polas súas siglas en portugués do Brasil) reforza o ensino da lingua e cultura alemás mediante un acordo co Instituto Goethe que facilita o acceso a cursos con descontos para estudantes e persoal.

    Fonte: FGV

    10 de abril de 2025

    Os Premios Mil Primaveras 2024 distinguiron catro proxectos que promoven o uso do galego na infancia e na mocidade, fomentan a socialización na lingua propia e transmiten valores positivos. Os galardóns recoñecen iniciativas exemplares no ámbito da normalización lingüística, que nesta edición foron Brazolinda, «Galego para peques», «Modo galego, actívao!» e Vitamina G.

    10 de abril de 2025

    A Real Academia Española organiza un datatón en liña, do 23 ao 30 de abril de 2025, co obxectivo de mellorar o sistema automático de clasificación das consultas lingüísticas do proxecto Lingua Española e Intelixencia Artificial (LEIA). A actividade está dirixida a estudantes de Filoloxía Hispánica e a especialistas en lingua, que deberán categorizar preguntas segundo diferentes criterios lingüísticos e contribuír así a adestrar a intelixencia artificial que xestiona as consultas á RAE.

    10 de abril de 2025

    O Goberno vasco considera prioritario promover o acceso ao éuscaro das persoas inmigrantes, pola súa importancia na cohesión social e no futuro demográfico. A través do programa AISA, ofrece cursos de acollida en éuscaro de balde, nos que o número de participantes aumentou un 10 % no último ano. Ademais, ampliou a gratuidade nos cursos de nivel A1, o que favoreceu un incremento do 20 % no alumnado.

    10 de abril de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu á inauguración de «Crear Porvir», a exposición itinerante que conmemora os 75 anos de vida da Editorial Galaxia que, tal e como destacou, é unha institución de referencia que non deixa de traballar pola promoción da lingua a través da difusión literaria.

    10 de abril de 2025

    O goberno militar de Níxer declarou o hausa como lingua nacional, en substitución do francés, nun novo xesto de ruptura co seu antigo colonizador. O francés e o inglés manteranse, porén, como linguas de traballo.

    Fonte: Channels TV

    10 de abril de 2025

    A administración de Donald Trump nos Estados Unidos xustifica a imposición de novos aranceis a España alegando, entre outras razóns, a existencia de cotas para o galego, catalán e éuscaro no sector audiovisual, recollidas na lei aprobada en 2022. O informe oficial considera estas medidas como barreiras comerciais que dificultan a entrada de contido audiovisual estadounidense no mercado español.

    Fonte: Praza Pública

    09 de abril de 2025

    O Goberno do Principado de Asturias defendeu no Parlamento a oficialización do asturiano e do eonaviego como unha medida imprescindible para garantir a continuidade destas linguas propias. A proposta, impulsada por tres grupos parlamentarios, carece aínda dos apoios suficientes para saír adiante.

    09 de abril de 2025

    Seis clubs deportivos de Galdakao incorporaron novos compromisos para promover o uso do éuscaro entre a mocidade, no marco do proxecto municipal ‘Kirolean be bai’. Logo dun diagnóstico e sesións de sensibilización, cada entidade definiu accións adaptadas como entrevistas en éuscaro, redes sociais bilingües ou participación en Euskaraldia. A iniciativa confirma o deporte como ferramenta eficaz para avanzar na normalización lingüística desde a base social.

    09 de abril de 2025

    O informe sobre hábitos de lectura en Galicia en 2024 revela un aumento no número de persoas que len e mercan libros. Respecto á a lectura en galego, un 63 % da poboación afirma ler, de xeito habitual ou ocasional, libros nesta lingua. Ademais, Galicia sitúase por riba da media estatal tanto na lectura como na compra de libros, cunha media de case nove exemplares por persoa e un claro predominio das librarías tradicionais como principal canle de adquisición.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder