Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de maio de 2025

    O profesorado recoñece avances no ensino do asturiano, mais considera que a oficialidade sería o paso decisivo para asegurar o futuro desta lingua. Como exemplos positivos, no IES David Vázquez Martínez de Llaviana, 120 estudantes elixiron o asturiano como optativa, unha das cifras máis altas nesta etapa educativa. Pola súa banda, na escola de Carbayín, todo o alumnado cursa esta materia.

    13 de maio de 2025

    A Universidade da Coruña convoca axudas económicas e de asesoramento lingüístico para fomentar o uso do galego na redacción e defensa de teses, traballos de fin de grao e de mestrado. A convocatoria diríxese ao alumnado de titulacións oficiais, agás aquel cuxos estudos xa implican o uso do galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de maio de 2025

    A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana elaborou un modelo orientativo para proporcionarlles axuda aos centros educativos para organizar a proporción de linguas vehiculares segundo a nova Lei de liberdade educativa. O documento propón exemplos de distribución por niveis e zonas lingüísticas, mantendo unha estrutura flexible que cada centro deberá adaptar.

    13 de maio de 2025

    O Ateneo e o Concello de Pontevedra organizan o ciclo de conferencias «O galego, lingua de éxito», que se celebrará os días 13, 20 e 27 de maio coa participación de profesionais de diversos eidos. A iniciativa pretende visibilizar o potencial da lingua galega máis alá dos usos formais e destacar casos de éxito en galego.

    12 de maio de 2025

    Desde os anos 90, o número de estudantes de portugués en institutos e universidades do Senegal multiplicouse por cinco, pasando de 10 000 a 47 000. Este crecemento está ligado tanto ao impulso inicial do presidente Léopold Sédar Senghor, defensor do plurilingüismo e promotor do idioma portugués, como ao labor incansable do profesor José Horta, referente no ensino da lingua e homenaxeado con institucións que levan o seu nome.

    Fonte: ONU News

    12 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia tramitou este ano 2413 matrículas para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron do Celga 4 no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

    12 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia colabora coa empresa Gadis no proxecto artístico Foliada! co que a cadea de supermercados se suma aos actos de celebración das Letras Galegas “homenaxeando desde unha ollada contemporánea ás cantareiras e á tradición oral, ás que se lle dedica este ano a efeméride”.

    12 de maio de 2025

    Con motivo do Día Internacional da Lingua Kurda, o nordeste de Siria acolleu manifestacións masivas promovidas pola administración educativa, o sindicato de docentes e a Fundación da Lingua Kurda. Co lema "A nosa lingua é a nosa identidade", os participantes reclamaron educación en kurdo e o seu recoñecemento oficial na Constitución siria.

    Fonte: Havarnews

    12 de maio de 2025

    Un xulgado de Xixón, tras estimar un recurso presentado en outubro,  anulou o Plan de normalización lingüística municipal ao considerar que o presentaba múltiples irregularidades legais. A sentenza sinala deficiencias como a falta de informes obrigatorios, ausencia de consulta pública e omisións na tramitación e publicación do plan, polo que declara a súa nulidade.

    12 de maio de 2025

    O TERMCAT incorporou ao seu banco terminolóxico un conxunto de termos vinculados á intelixencia artificial, co que quedan fixadas as súas formas en catalán. O proxecto, que conta coa colaboración de persoas expertas neste ámbito, culminará cun dicionario en liña previsto para o outono.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder