Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de maio de 2025

    A Universidade de Hanoi lanzou o primeiro programa formativo dirixido á capacitación de profesorado de vietnamita como lingua estranxeira. O curso está aberto a estudantado local e internacional interesado en traballar na docencia, a tradución ou o turismo.

    Fonte: VietnamPlus

    19 de maio de 2025

    A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC, polas súas siglas en catalán) lembra que a normativa francesa establece a obriga de ofrecer ensino en catalán en todos os centros educativos da Cataluña Norte. Por iso, anima as familias a escolleren esta opción para garantir a presenza e continuidade da lingua.

    Fonte: Diari de la Llengua

    16 de maio de 2025

    A empresa líder en transporte de autobuses en Europa, FlixBus, anunciou a incorporación da lingua catalá na súa páxina web e aplicación móbil. Esta medida permitirá aos usuarios acceder a información e atención ao cliente en catalán, reforzando así o compromiso da empresa coa diversidade lingüística.

    Fonte: El Diari de la Llengua

    16 de maio de 2025

    Case 100 estudantes e docentes de todo o Reino Unido reuníronse en Londres para conmemorar o Día Internacional da Lingua Chinesa 2025. Durante o evento, os participantes exploraron o patrimonio vivo da cultura chinesa a través de recitais de poesía, demostracións de artes marciais e caligrafía tradicional, destacando a riqueza e diversidade desta lingua milenaria.

    Fonte: China Daily

    16 de maio de 2025

    O 15 de maio deu comezo unha nova edición de Euskaraldia, coa participación de milleiros de persoas que buscan modificar os seus hábitos lingüísticos e reforzar o uso do éuscaro. Durante once días, as persoas participantes levarán unha chapa que identifica o seu rol para fomentar conversas inclusivas e naturais en éuscaro en espazos cotiáns.

    16 de maio de 2025

    Xa está dispoñible en liña e de balde o Diccionariu Llionés. Volume I: llionés-castellanu, de Nicolás Bartolomé Pérez, cunha ampla selección léxica de preto de 11 000 entradas. A obra recolle variantes dialectais, fraseoloxía e termos especializados, ademais de incluír observacións gramaticais e etimolóxicas, consolidando un recurso esencial para preservar e divulgar o patrimonio lingüístico do leonés.

    16 de maio de 2025

    A Facultade de Comunicación acolleu un acto no que recibiu o distintivo de galeguización Gal Ego que recoñece a súa implicación co idioma, ao tempo que se entregaron tamén os Premios de poesía, relato curto e tradución 2025 que poñen en valor a capacidade creativa en galego da comunidade universitaria.

    16 de maio de 2025

    A cidade de Berna anunciou que o seu programa experimental de educación bilingüe alemán-francés, iniciado en 2019, finalizará no verán de 2026. A decisión afecta máis de 90 estudantes e 24 membros do persoal docente e de apoio. As autoridades locais argumentan que a medida responde a incompatibilidades curriculares e diversos sectores políticos critican a decisión por considerala un retroceso na promoción do bilingüismo e da cohesión cultural en Suíza.

    Fonte: Le News

    16 de maio de 2025

    A Universidade de Andorra, en colaboración co Instituto Camões, abriu unha convocatoria para unha bolsa de investigación sociolingüística centrada na lingua e cultura portuguesas no contexto andorrano. O proxecto, supervisado polo Grupo de Investigación en Linguas (GREL), está dirixido a investigadores interesados en temas relacionados co portugués en Andorra. 

    Fonte: CPLP

    15 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia e Renfe Viajeros volven poñer en marcha a campaña das Letras Galegas co obxectivo de achegarlle as cantareiras ás persoas usuarias da rede ferroviaria. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentaron a campaña na cidade olívica onde salientaron “a relevancia das homenaxeadas e a súa importante aportación ao noso patrimonio inmaterial”.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder