Escola Valenciana elaborou un modelo de recurso administrativo para que as familias poidan reclamar o dereito a escolarizar as súas fillas e fillos en valenciano e rexeitar a asignación de grupos en castelán amparada pola chamada Lei Rovira. A entidade denuncia que esta normativa vulnera a liberdade lingüística e anuncia que, se a vía administrativa non resolve, recorrerán aos tribunais para garantir o ensino na lingua propia.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da obra O agrarismo nas terras de Chantada, de Antonio Paz Vázquez, gañadora do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nas escolas e nas actividades extraescolares a través do «Pla de Barris», co obxectivo de combater as desigualdades e recuperar o valor cohesivo desta lingua. As novas medidas incluirán a esixencia do catalán como lingua vehicular nas empresas adxudicatarias, así como un programa de auxiliares de conversa en inglés para garantir a igualdade de oportunidades na mocidade.
A Real Academia Galega e a asociación Alingua estudan fórmulas de colaboración para promover a normalización do galego desde o ámbito local. No encontro, ambas as dúas entidades mostraron interese por proxectos compartidos como Enreguéifate, Youtubeiras ou Apego, así como por ampliar a iniciativa «Modo Galego, actívao!» a máis concellos.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou a importante contribución para “pór en valor o galego dun xeito lúdico e educativo entre a cativada” da xornada de convivencia Cholo e Nela Ciencia e Conciencia, que se desenvolveu no colexio Manuel Respino, do municipio ourensán da Rúa, coa participación de 500 rapaces de 18 centros de Educación Infantil da provincia de Ourense, que estiveron acompañados polos seus mestres e por 300 pais e nais.
Durante un seminario en Kobani, diversos académicos e expertos abordaron a inclusión do kurdo como lingua oficial na futura constitución siria. Defenden que a lingua é clave para a identidade do pobo kurdo e que debería recoñecerse o dereito a recibir ensino nesta lingua vernácula. A proposta insírese nun proxecto máis amplo para unha Siria plural e descentralizada, onde se respecten os dereitos lingüísticos e culturais de todas as comunidades.
O goberno de Flandres decidiu triplicar o custo dos cursos de idiomas estranxeiros en centros de formación para adultos. A medida non afecta aos cursos de neerlandés para persoas non nativas nin á lingua de signos flamenga, que incluso verá reducido o seu prezo. A ministra de Educación, Zuhal Demir, xustificou a medida argumentando que estes cursos non ofrecen garantías de emprego e considerounos actividades de lecer.
A Deputación de Zaragoza acolle a presentación do estudo Charrando aragonés. La lengua aragonesa en su zona de uso predominante, unha análise sociolingüística sobre o emprego do aragonés nas zonas onde aínda se mantén vivo. Baseado en mil enquisas, o traballo examina o coñecemento e transmisión do idioma segundo factores sociais e territoriais. A publicación busca fornecer datos que permitan orientar accións para a súa preservación e revitalización.
O alumnado de Sueca participou nunha xornada lúdica, organizada pola Academia Valenciana da Lingua, para fomentar o uso do valenciano mediante xogos e talleres na praza do Concello. A iniciativa, que contou coa colaboración da área de Promoción Lingüística local, reuniu estudantes de distintos centros e busca visibilizar a vitalidade da lingua e o seu valor como ferramenta educativa e social.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participaron na Coruña na reunión ordinaria da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, xunto cos representantes dos órganos de goberno das tres universidades públicas galegas e membros dos seus servizos de normalización lingüística.
Boletín
Subscríbase ao boletín

