O Correlingua celebrou o seu 25 aniversario cunha participación de máis de 14 000 estudantes de once concellos, que se sumaron ás actividades en prol da lingua galega baixo o lema «A mocidade activa por unha lingua viva».
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Parlamento Europeo elaborou unha lista de once linguas que, aínda que están recoñecidas oficialmente nos seus respectivos estados membros, non teñen status de lingua oficial na Unión Europea. Esta iniciativa busca pór en valor a diversidade lingüística interna da UE e podería abrir a porta a futuras demandas de oficialidade por parte destas comunidades lingüísticas.
Fonte: Diari de la Llengua
Segundo datos do Departamento do Censo dos EUA, máis do 22 % da poboación maior de cinco anos fala unha lingua distinta do inglés no ámbito doméstico. O español é a lingua máis común entre estas, representando o 61 % dos casos, mentres que as linguas indíxenas americanas experimentaron un descenso do 6 % no número de falantes entre 2009 e 2021. Este último dato reflicte unha perda progresiva destas linguas tradicionais.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou hoxe no Museo Centro Gaiás as liñas de traballo da exposición inmersiva Castelao. Mirar por Galicia. Realizada coa colaboración da Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un percorrido para atravesar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia.
O Concello de Pamplona inicia os traballos para elaborar un plan de normalización lingüística, co obxectivo de protexer e promover o uso do éuscaro na cidade. O plan, que contará cun orzamento específico e un Consello Municipal do Éuscaro para o seu seguimento, busca garantir o dereito da cidadanía a coñecer e utilizar esta lingua, e impulsar a súa presenza nas relacións coa Administración e nos espazos públicos como elemento de cohesión social.
O Concello de Xirona e a Universidade de Xirona desenvolverán un estudo para avaliar o uso do catalán na cidade e identificar ámbitos nos que sexa preciso reforzalo. O proxecto, que incluirá enquisas a domicilio e grupos de discusión, permitirá deseñar medidas concretas para promover a lingua no tecido social.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou en Santiago de Compostela a edición comentada de Filosofía da Saudade, de Ramón Piñeiro, a obra editada pola Xunta de Galicia para conmemorar a celebración do 110º aniversario do nacemento do escritor, político e filósofo que foi unha das figuras históricas do galeguismo durante o século XX e homenaxeado no Día das Letras Galegas no ano 2009.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega de premios da 16ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto de Galicia, cuxa gañadora da fase autonómica foi Gabriela Villada, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, na provincia da Coruña.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entregou os premios do escape room sobre a figura de Castelao organizado polo Departamento Territorial de Lugo na Biblioteca Pública Provincial, no que participaron uns 725 escolares de sexto de Primaria procedentes de quince centros da cidade.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da versión en liña da Biblia en galego, iniciativa coa que colabora a Xunta no senso de “seguir dando pasos adiante en todos os ámbitos da sociedade, como é o eido relixioso, a prol do uso da nosa lingua”, apuntou.
Boletín
Subscríbase ao boletín


