O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega do cuarto premio de literatura infantil Simbad, que recaeu en Rita Doallo, pola obra Astralistoria. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer que conta co apoio da Xunta de Galicia, co obxectivo de sensibilizar sobre esta doenza entre a cativada e establecer vínculos a través da literatura entre as distintas xeracións.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Vinte e sete anos despois do recoñecemento oficial da lingua mirandesa, Miranda do Douro e todo Portugal celebran o Día da Lingua Mirandesa. Ao longo de toda a semana, organizáronse diversas actividades destinadas a promover e difundir a segunda lingua oficial de Portugal.
Fonte: Renascença
O Goberno vasco convoca as axudas Euskalgintza 2025, cun orzamento de 1,7 millóns de euros para apoiar proxectos de promoción, desenvolvemento e normalización do éuscaro. As subvencións destínanse, entre outras, a iniciativas de lecer xuvenil, achegamento da lingua a persoas inmigrantes, contidos dixitais, transmisión familiar, fomento da lectura etc.
Os cambios na Lei de atención ao cliente buscan garantir que a cidadanía poida ser atendida en catalán. As empresas con máis de 250 persoas empregadas ou máis de 50 millóns de facturación deberán ofrecer servizo na lingua oficial que escolla o consumidor, e o persoal terá que recibir formación en catalán. A medida abrangue sectores como enerxía, banca, telecomunicacións ou transporte.
O Servizo de Normalización Lingüística creouse grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra de máis de 33 000 euros. Este recurso, con persoal técnico propio, ofrece asesoramento, resolve dúbidas, revisa documentación e impulsa o uso do galego na administración, nas asociacións e no conxunto da sociedade.
A Xunta está xa a ofrecerlles cursos de lingua e cultura galegas a persoas non nadas en Galicia “co obxecto de que, ao remate do ano, sexan máis dun cento os impartidos e uns 1500 os participantes nestas clases”. Así o deu a coñecer o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na inauguración da xornada preparatoria para os técnicos que impartirán esta formación en 28 concellos adheridos á Rede de Dinamización da Lingua.
A Universidade do Miño abre este semestre inscricións para cursos de dez linguas estranxeiras, ofrecendo modalidades presenciais e en liña. Destacan os cursos de xaponés e portugués como lingua estranxeira no campus de Azurém.
Fonte: Reflexo digital
A Universidade de Shanghai abriu un novo Centro de Estudos de Países e Rexións de Lingua Portuguesa. O obxectivo é impulsar o diálogo cultural, a integración lingüística e a cooperación internacional entre a China e os países de lingua portuguesa.
Fonte: Xinhua
O Concello de Donostia pon en marcha Mintzaon, unha actividade gratuíta en liña destinada a menores de 8 a 14 anos para fomentar a oralidade en éuscaro fóra da escola. A proposta, que funcionará de outubro a maio, desenvólvese en grupos reducidos con acompañamento de persoas dinamizadoras e combina xogos, música e retos nun ambiente distendido.
O Parlamento de Cataluña recibirá unha proposta de lei que obrigará as persoas condutoras de taxis e VTC a acreditar un nivel mínimo de catalán B1 no prazo de dous anos, incluíndo quen xa estea en activo. A iniciativa pretende reforzar os dereitos lingüísticos da clientela e podería marcar un precedente para outros sectores profesionais. As entidades promotoras seguen a reclamar que o requisito sexa un B2 e demandan recursos públicos para facilitar a aprendizaxe da lingua.
Boletín
Subscríbase ao boletín


