Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de setembro de 2025

    Mónica Bastos, coordinadora do Ensino Portugués en Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo, destaca que cada vez máis estudantes e docentes luxemburgueses se matriculan en cursos de portugués. O aumento das inscricións confirma a presenza e expansión da lingua de Camões en Luxemburgo.

    Fonte: Contacto

    19 de setembro de 2025

    O chanceler alemán, Friedrich Merz, reiterou a súa oposición a facer oficiais o catalán, o galego e o éuscaro na UE, alegando que a súa incorporación complicaría o sistema de traducións. Apuntou que, a medio prazo, a intelixencia artificial podería permitir unha solución ao eliminar a necesidade de intérpretes.

    Fonte: Diari de la Llengua

    19 de setembro de 2025

    O Ministerio de Educación de Cabo Verde decidiu suspender a distribución nas escolas do manual escolar de lingua e cultura caboverdiana despois das críticas lanzadas por varios sectores sociais e culturais. A medida, presentada como un xesto de diálogo, pretende evitar tensións e favorecer un debate sobre a mellor forma de ensinar a lingua nacional. 

    Fonte: RNA

    19 de setembro de 2025

    O Concello de Bilbao impulsa o programa Biribilko para que persoal de comercio e hostalería mellore o seu nivel de éuscaro e poida empregalo coa clientela, empresas provedoras... Os cursos, de 90 horas e dous niveis, desenvolveranse de outubro de 2025 a xuño de 2026 en euskaltegis homologados, cun custo de 90 euros que se devolverá ao alumnado con asistencia mínima do 75 %. Ademais, ofrécese servizo gratuíto de tradución de carteis e materiais públicos, así como dicionarios especializados.

    19 de setembro de 2025

    A Deputación de Valencia entregou os IV Premios de uso do valenciano no comercio local que distinguen unha trintena de establecementos da provincia pola súa contribución á defensa da lingua propia. Os galardoados agradeceron o apoio institucional, que lles serve de estímulo para integrar o valenciano en toda a súa comunicación.

    18 de setembro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxo declarar o 2026 como Ano Ramón Otero Pedrayo co gallo do 50 aniversario do seu pasamento e o centenario da publicación de Guía de Galicia. Fíxoo na presentación das cátedras institucionais dedicadas ao autor ourensán, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero, onde destacou que o legado destes persoeiros son “o piar que define a nosa cultura e identidade como galegos e por iso é importante recoñecelo e enxalzalo”.

    18 de setembro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na presentación do derradeiro espistolario de Manuel Curros Enríquez ao seu amigo José Ojea Otero. Trátase dunha colección composta por 32 cartas inéditas que o autor de Celanova lle enviou entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908, algunhas delas escritas tres meses antes de falecer na Habana.

    18 de setembro de 2025

    Un estudo revela que o castelán despraza o catalán como lingua das publicacións científicas en revistas catalás, con case o 70 % dos artigos en castelán fronte ao 9 % en catalán e o 25 % en inglés. A presión dos índices internacionais e das políticas de acreditación favorece a escrita en inglés e resta prestixio ao catalán, ao que se suma a falta de recursos e apoio institucional. 

    18 de setembro de 2025

    Elhuyar lanza un novo servizo na súa plataforma Aditu que permite dobrar vídeos en éuscaro, castelán, francés, inglés, galego e catalán, mantendo mesmo o ton e o acento da voz orixinal. A ferramenta, baseada en intelixencia artificial e redes neuronais, facilita tamén transcricións, subtítulos e traducións automáticas, e ofrece un resultado editable e sen erros.

    18 de setembro de 2025

    A novena edición de Youtubeiras+, que ten como lema “Alborota o algoritmo”, destina 7500 euros en premios repartidos en sete categorías para impulsar a creación de contidos en galego nas redes sociais. A iniciativa quere darlle visibilidade ao talento en galego e reforzar a presenza deste idioma no ámbito dixital.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder