Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de setembro de 2018

    Xa se convocou a X edición dos Premios Mallorca de Creación Literaria nas modalidades de Narrativa, Poesía e Ensaio en lingua catalá. A dotación económica destes galardóns en cada categoría ascende a 35 000, 25 000 e 30 000 euros respectivamente.

    Fonte: MallorcaDiario

    19 de setembro de 2018

    O Servizo de Saúde das Illas Baleares, xunto co Instituto de Estudos Baleares, organiza cursos gratuítos de catalán para o seu cadro de persoal. Estes cursos comezarán o 8 de outubro e rematarán a semana do 25 de xaneiro e impartiranse nos hospitais públicos.

    Fonte: Salud Ediciones

    19 de setembro de 2018

    O físico Jorge Mira foi o encargado da tradución ao galego de Unha breve historia do tempo, de Stephen Hawking, unha obra científica fundamental dispoñible na colección Clásicos do Pensamento Universal da Universidade de Santiago.

    Fonte: Culturagalega.org

    18 de setembro de 2018

    O partido portugués CDS (Centro Democrático Social - Partido Popular) incluirá no seu programa electoral o ensino bilingüe portugués-inglés nas escolas públicas.

    Fonte: Público

    18 de setembro de 2018

    Varios dos escasos falantes nativos do crioulo portugués de Malaca en Malaisia levan a cabo diversas iniciativas para transmitirlles a lingua ás novas xeracións e impedir a súa extinción.

    Fonte: Aljazeera

    18 de setembro de 2018

    Na edición número 36 da Semana do Libro en Catalán participaron 190 selos editoriais, once librerías, dúas distribuidoras e sete institucións. Na feira presentáronse 250 novidades editoriais e máis de 350 autores en lingua catalá.

    Fonte: CatalunyaPress

    18 de setembro de 2018

    O sábado 22 de setembro celébrase en Vilaboa a primeira edición do Canteira Fest, un festival que ten como eixes centrais o feminismo e a música en galego.  

    Fonte: Deputación de Pontevedra

    18 de setembro de 2018

    Novas disciplinas como o crossfit, o surf, o montañismo, o baloncesto adaptado, o atletismo ou a natación súmanse á nova tempada do proxecto Euskal Kirolari, unha iniciativa coa que se pretende fomentar o uso do éuscaro no deporte, especialmente entre a xente nova, e a terminoloxía deportiva nesta lingua.  O proxecto baséase en dous eixes: o emprego das novas tecnoloxías e o protagonismo de deportistas de referencia.

    18 de setembro de 2018

    A Federación de Asociacións de Persoas Xordas (FAXPG) e a Xunta de Galicia apoiarán iniciativas que fomenten o recoñecemento oficial da lingua de signos galega, despois de que un estudo da Universidade de Vigo e da Asociación de Xordos desta cidade sinalase estas dúas entidades como as responsables directas desta falta de recoñecemento.

    18 de setembro de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu ao Auditorio Gustavo Freire da Cidade das Murallas para participar na inauguración da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que chega este ano á súa 40º edición.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder