Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de setembro de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de inauguración da terceira das xornadas con que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) celebra os seus 25 anos de existencia, e que se desenvolven baixo o título “O Centro Ramón Piñeiro como recuperador de fondos e depositario de legados”.

    12 de setembro de 2018

    A eurodeputada galega Lidia Senra reclamou, durante un pleno celebrado no Parlamento Europeo, "igualdade" para o galego en todos os ámbitos, especialmente no dixital, así como a posibilidade de expresarse neste e noutros idiomas minoritarios na Eurocámara.

    Fonte: GaliciaPress

    12 de setembro de 2018

    O Goberno vasco aumentou un 44 % o orzamento das axudas para sufragar as matrículas do alumnado dos 103 euskaltegis (centros de ensinanza do éuscaro) da comunidade. Con esta medida esperan acadar preto de 35 000 matrículas, que superarían ás 34 225 do ano pasado. Dende 1986, 460 000 cidadáns estiveron matriculados nalgún momento nos euskaltegis.

    Fonte: Deia

    12 de setembro de 2018

    O Concello de Santiago presentou a convocatoria de axudas destinadas á mellora e á innovación do comercio local para o ano 2018, baixo o título "Coidar para mellorar, mellorar para coidar". Entre os seus obxectivos, destaca unha liña dirixida á mellora da comunicación dos establecementos comerciais e á incorporación ou ampliación nestes do uso da lingua galega.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    12 de setembro de 2018

    A mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego', organizada pola Deputación de Pontevedra, permanecerá en Moaña ata o 20 de setembro para darlles a coñecer ás cativas e aos cativos a riqueza da lingua galega a través dos irmáns Bolechas.

    Fonte: Deputación de Pontevedra

    12 de setembro de 2018

    Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, presentou as ferramentas tecnolóxicas nas que se está a traballar para protexer e divulgar o rico patrimonio toponímico de Galicia.

    12 de setembro de 2018

    O Goberno de Portugal facilitará a obtención de visados de residencia a estudantes universitarios que procedan de países de lingua oficial portuguesa.

    Fonte: Público

    11 de setembro de 2018

    O catalán foi o idioma que máis aumentou en número de matrículas no ano 2017, ao pasar de 757 a 3368 estudantes en toda España. Malia este aumento, o éuscaro segue a ser a lingua cooficial con máis matrículas nas escolas oficiais de idiomas, con 8146 persoas matriculadas. Estes datos foron publicados polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.

    Fonte: El Confidencial

    11 de setembro de 2018

    O Departamento de Cultura e o Consello dos Ilustres Colexios de Avogados de Cataluña (CICAC) renovaron o seu convenio de colaboración para poñer en marcha durante o ano 2018 accións de impulso do uso do catalán no ámbito da avogacía.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de setembro de 2018

    Un informe elaborado polos Consellos Americanos para a Educación Internacional revelou que o estado de Nova Jersey (EUA) é o que rexistra o índice máis elevado de alumnado de ensino secundario que estuda unha lingua estranxeira: 51 % fronte ao 20 % da media nacional.

    Fonte: NJ1015

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder