Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de agosto de 2018

    A Deputación da Coruña e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial destinará 30 000 euros para apoiar o programa de actividades que a AELG desenvolverá durante o ano 2018.

    Fonte: Deputación da Coruña

    16 de agosto de 2018

    Glocal in Progress, unha iniciativa que se enmarca no Festival de Cine de San Sebastián e que está destinada a películas en linguas non hexemónicas, presenta, na súa edición deste ano, tres filmes en grego, lituano e turco.

    Fonte: Audiovisual 451

    14 de agosto de 2018

    Case 1500 rapaces e rapazas, de entre 9 e 17 anos, de estadía nos campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Política Social, participaron ao longo dos meses de xullo e agosto na edición 2018 do programa de dinamización lingüística ‘O galego campa!’, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    14 de agosto de 2018

    Netflix vai emitir en 2019 Jinn, a súa primeira serie orixinal en lingua árabe, que consta de seis episodios e está rodada en Xordania.  

    Fonte: O Globo

    14 de agosto de 2018

    Casaquistán está cambiando o seu alfabeto oficial actual (cirílico) por outro baseado no alfabeto latino, unha transición que se fará ata o ano 2025. Esta mudanza tamén a realizaron xa outras ex-repúblicas soviéticas, como unha forma de reafirmar a súa independencia.

    Fonte: Globo

    14 de agosto de 2018

    O Goberno de Costa Rica asinou a Alianza para o Bilingüismo (ABi), que establece como prioridade do Estado o ensino do inglés neste país centroamericano. Na práctica, isto tradúcese nun incremento significativo da cobertura para ensinar esta lingua, que se aprenderá xa desde preescolar.

    Fonte: Prensa Latina

    14 de agosto de 2018

    A Academia da Lingua Guaraní publicou a primeira gramática oficial deste idioma, o que converte a Paraguai oficialmente nun país bilingüe, xa que, segundo a lei de linguas de 2010, todas as disposicións da Administración estatal deberían traducirse ao guaraní cando se aprobasen o seu alfabeto, algo que xa aconteceu en 2015, e a súa gramática.

    Fonte: La Vanguardia

    14 de agosto de 2018

    Xa está dispoñible a versión en valenciano da Guia del Misteri d'Elx, unha reedición da que se publicaron 5000 exemplares que se repartirán gratuitamente e que incorpora un glosario final con conceptos relacionados coa festa.

    Fonte: Cadena Ser

    13 de agosto de 2018

    Softcatalà e Mozilla queren poñer en marcha un asistente de voz libre en catalán, un proxecto co que pretenden animar a gravar textos lidos nesta lingua para crear un modelo informático que calquera programador poida utilizar. 

    Fonte: El Periódico

    13 de agosto de 2018

    A nova aplicación, Cambly, é das poucas que conta con profesores nativos titulados, ingleses e estadounidenses, que ensinan en liña a través de videochamada.

    Fonte: Androidphoria

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder