Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de outubro de 2018

    Un estudo elaborado por un centro de inmigración nos EUA revelou que o telugu é a lingua estranxeira que máis medrou no país entre os anos 2010 e 2017. O índice de crecemento foi do 86 %.

    Fonte: India Today

    22 de outubro de 2018

    O secretario de Estado de Cultura, Medios de Comunicación e Deportes do Reino Unido, Jeremy Wright, declarou que a promoción da lingua galesa recibirá un pulo orzamentario de varios millóns de libras esterlinas por medio dun programa que se centrará no eido da creación de espazos televisivos en galés.

    Fonte: UK Government

    22 de outubro de 2018

    As novas tecnoloxías son unha oportunidade para difundir o catalán. Por este motivo, a Dirección Xeral de Política Lingüística convoca anualmente unha liña de axudas para incorporar esta lingua en apps e videoxogos.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    22 de outubro de 2018

    O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade instar a Xunta a que inicie os trámites, durante a presente lexislatura, para solicitar a admisión de Galicia como membro da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa. Así mesmo, a Cámara pediu un desenvolvemento real e efectivo da Lei Paz Andrade coa convocatoria de prazas de docentes de portugués na vindeira oferta pública de emprego.

    Fonte: Culturagalega.org

    22 de outubro de 2018

    A Ordenanza do uso social da lingua galega do Concello de Moeche, logo da fase de información pública, publicouse definitivamente no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 19 de outubro de 2018.

    Fonte: CTNL

    22 de outubro de 2018

    A exposición '56 páxinas das nosas Letras', promovida polo Parlamento galego, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega (RAG) para poñer en valor as figuras homenaxeadas cada 17 de maio desde 1963, exhíbese ata o vindeiro 4 de novembro na Casa dos Açores en Lisboa.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    22 de outubro de 2018

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG a Resolución do 15 de outubro de 2018 pola que se fixan as datas de realización das probas convocadas mediante a Resolución do 7 de setembro de 2018 para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4 para os días 17 e 24 de novembro de 2018.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    22 de outubro de 2018

    A Chunta Aragonesista trasladoulle á Cámara Alta unha proposta para conseguir o recoñecemento profesional dos docentes que imparten a especialidade de aragonés na educación obrigatoria.

    Fonte: 20minutos

    19 de outubro de 2018

    A Organización Internacional da Francofonía publicou un relatorio que revela que o francés é agora a quinta lingua máis falada do mundo sobre todo grazas ao incremento do seu uso no continente africano.

    Fonte: Quartz

    19 de outubro de 2018

    A entidade responsable do servizo postal de Irlanda do Norte, Royal Mail, informou de que acaba de abrir unha investigación para dilucidar as causas de que unha carta escrita en gaélico irlandés fose devolta ao seu remitente.

    Fonte: Belfast Telegraph

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder