Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de agosto de 2018

    Segundo unha enquisa, realizada pola Generalitat Valenciana en colaboración coa Universidade de Valencia, o 62 % da poboación prefire falar en castelán, fronte a un 37 % que se decanta polo valenciano.

    Fonte: Les Muntanyes

    30 de agosto de 2018

    A Mesa pola Normalización Lingüística, en colaboración coa asociación cultural Cidade Vella e o festival Feito a Man, editou unha guía turística bilingüe galego-inglés de Santiago de Compostela. Ademais dunha breve historia da cidade e dos monumentos máis representativos, inclúense expresións cotiás coa equivalencia nas dúas linguas.

    Fonte: Galicia Confidencial

    29 de agosto de 2018

    Segundo o sindicato UXT, baseándose en datos da Consellería de Educación, un 16,31 % do funcionariado interino carece de requisito lingüístico, o que significa que non acreditou o nivel mínimo de valenciano esixido para o seu posto.

    Fonte: El Mundo

    29 de agosto de 2018

    A ordenanza sobre o uso do galego no Concello de Moeche non se aprobará definitivamente ata que se complete o período de trinta días hábiles de exposición pública, durante os cales se poderán facer alegacións ao seu articulado.

    Fonte: Concello de Moeche

    29 de agosto de 2018

    Como cada 25 de agosto desde 1967, ano en que foi declarado lingua nacional, Paraguai celebra o Día do Idioma Guaraní co fin de promover e normalizar o seu uso.

    Fonte: Agencia de Información Paraguaya

    29 de agosto de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos actos de homenaxe con motivo do 15º aniversario do pasamento de Raimundo García Domínguez ‘Borobó’.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    29 de agosto de 2018

    O primeiro ministro de Taiwán, William Lai, anunciou que o país pretende oficializar o inglés como segunda lingua co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e a "competitividade internacional".

    Fonte: Infobae

    28 de agosto de 2018

    Un estudo da Universidade de Beijing revela que a mala calidade atmosférica dun lugar podería ter un efecto negativo nas destrezas lingüísticas dos seus habitantes.

    Fonte: New Scientist

    28 de agosto de 2018

    O Senado de Filipinas acaba de aprobar unha lei pola que se oficializa a lingua de signos filipina co fin de promover e facilitar a expresión e comunicación da comunidade xorda do país asiático.

    Fonte: Rappler

    28 de agosto de 2018

    A reforma do Estatuto de Canarias reivindicará unha identidade colectiva, lingüística e cultural propia do arquipélago, de maneira que a Administración autonómica se encargaría de regular as particularidades do español que se fala nas illas e tería competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural canario.

    Fonte: Diario de Avisos

     

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder