Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de maio de 2018

    O Instituto Max Planck para a Historia da Ciencia de Alemaña desenvolve unha aplicación para móbiles co obxectivo de estudar a evolución das linguas.

    Fonte: Discover Magazine

    15 de maio de 2018

    Un grupo de investigación dunha universidade de Singapur demostrou nun estudo que falar unha segunda lingua pode significar un importante estímulo para os menores de idade que pertenzan a familias desfavorecidas economicamente.

    Fonte: Scientific American

    15 de maio de 2018

    O dominio galego .gal celebra o Día das Letras Galegas e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha rebaixa no prezo dos novos dominios rexistrados, que se poderán obter por 17 euros máis IVE entre o 15 e o 31 de maio. Esta promoción inclúe, ademais, un agasallo especial: unha camiseta deseñada por ReiZentolo para PuntoGal.

    Fonte: Dominio .gal

    15 de maio de 2018

    A II Feira dos Idiomas terá lugar en Valencia os días 23, 24, 25 de maio e o seu obxectivo será a difusión da diversidade lingüística. Neste evento participarán un centenar de institucións que realizarán actividades lúdicas e talleres de dinamización lingüística.

    Fonte: InformaValencia

    15 de maio de 2018

    Os actos de celebración do 20º aniversario do pasamento de Antonio Fraguas Fraguas, promovidos polo Concello de Cerdedo-Cotobade coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Fundación que leva o nome do persoeiro galego, fanse extensivos ao ámbito educativo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    15 de maio de 2018

    O Consello de Europa defendeu a necesidade de aprobar unha lei que protexa o gaélico irlandés despois de que unha delegación desta institución visitase Belfast para analizar a situación das linguas minoritarias.

    Fonte: BBC

    15 de maio de 2018

    A Consellería de Cultura e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski poñen en marcha por oitavo ano consecutivo a campaña Letras Galegas 2018, que encherá os Eroski Center, Autoservizos Familia e Hipermercados Eroski con medio milleiro de carteis e dous millóns de bolsas conmemorativas da autora homenaxeada polas Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    15 de maio de 2018

    A Estaya de la Llingua organiza un período de visitas guiadas en asturiano que terá lugar o venres 18 de maio. O obxectivo será dar a coñecer lugares e contornos naturais da cidade.

    Fonte: La Voz de Avilés

    15 de maio de 2018

    As empresas mercantís do sector editorial poden solicitar desde o 12 de maio e ata o 11 de xuño as axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares e complementarios destes para os niveis non universitarios convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    15 de maio de 2018

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade de Vigo (UVigo) entregaron os Premios de Poesía, Relato Curto e Tradución Literaria 2018, no marco da celebración das Letras Galegas e do convenio de colaboración asinado polas dúas institucións en materia de normalización lingüística.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder