Grazas á estreita colaboración entre lingüistas de Galicia e do Brasil, a revista Labor Histórico, publicada pola Universidade Federal do Río de Xaneiro, dedícalle os seus dous últimos números ao galego, feito que constitúe un auténtico fito na difusión da lingua e a lingüística galegas no ámbito lusófono.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O día 3 de maio, a Consellería de Educación da Generalitat Valenciana presentou unha nova versión do tradutor de valenciano Salt, ferramenta de software libre que permite traducir e corrixir textos e resolver dúbidas lingüísticas.
Fonte: La Vanguardia
A sétima edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que chega aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta da man da Secretaría Xeral de Política Lingúística, leva as propostas 'Enredando con Pakolas' (de Paco Cerceira, Pakolas) e 'Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos' (de Matrioshka Teatro) a seis concellos durante a fin de semana.
A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha lectura participativa de obras de María Vitoria Moreno (Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005), escritora homenaxeada este 2018, e que será emitida en liña polas redes sociais para que cheguen a calquera parte do mundo as creacións desta mestra estremeña, pioneira da narración en galego para as xeracións máis novas.
A orquestra de cámara Arimaz, do municipio guipuscoano de Tolosa, levará ao escenario por primeira vez en éuscaro a ópera de W.A. Mozart "Bastian und Bastienne", que xa fora traducida a este idioma no ano 1957.
Fonte: Noticias de Guipuzkoa
O Centro de Terminoloxía de Cataluña (TERMCAT) publicou a segunda edición do dicionario de terminoloxía da ciberseguridade coa colaboración do Centro de Seguridade da Información de Cataluña (CESICAT) e de expertos do ámbito. A obra contén agora máis de 260 termos en catalán.
Fonte: Gencat
María Victoria Moreno Márquez, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, inaugura a nova serie audiovisual dos Bolechas e as Letras Galegas, un proxecto promovido por Bolanda Edicións co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de Caixa Rural Galega e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou os máis de 1000 estudantes chegados de 30 centros de toda Galicia para participaren na III edición da Regueifesta, un encontro destinado a impulsar a improvisación oral en verso como motor de normalización lingüística entre a xente nova, visibilizar a música galega como ferramenta educativa e de ocio e renovar o mundo da regueifa desde valores de igualdade de xénero e de xustiza social.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Feiraco lanzan un ano máis a campaña das Letras Galegas 2018, na que se inclúen unha serie de accións de dinamización da lingua galega coas que a cooperativa agrogandeira galega se suma á festa do 17 de maio desde o ámbito socioeconómico.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Un estudo publicado na revista Cognition revelou que os primeiros dez anos de vida son os máis propicios para que as nenas e os nenos poidan conseguir no futuro o mesmo nivel de fluidez que un nativo.
Fonte: Newsweek
Boletín
Subscríbase ao boletín

