Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de abril de 2018

    A Mesa pola Normalización Lingüística acusa a Axencia Tributaria de obstaculizar o dereito da cidadanía a facer a declaración da renda en galego. Concretamente, sinalan que esta Administración carece de servizo telefónico de atención nesta lingua para informar sobre a actual campaña.

    Fonte: Galicia Confidencial

    27 de abril de 2018

    A plataforma de préstamo de libros e revistas en formato electrónico GaliciaLe incorpora agora un catálogo audiovisual á súa oferta cunha proposta de 77 filmes, entre os que se poden atopar documentais, películas de animación e longametraxes de ficción.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    27 de abril de 2018

    A Universidade de Vigo (UVigo) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística celebran por cuarto ano consecutivo a xornada Día das Redes Galegas. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu ao salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra para inaugurar un encontro que busca analizar o papel das redes sociais no século XXI e poñer en valor a figura dos responsables de comunidades virtuais a través da experiencia de profesionais formados na propia facultade.

    26 de abril de 2018

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Vigo na inauguración da exposición "O Día das Letras Galegas. 55 anos de historia".

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    26 de abril de 2018

    O Goberno vasco, en colaboración coa Oficina Pública da Lingua Vasca, confirmou o presuposto que se destinará á promoción do éuscaro en Iparralde, o País Vasco francés, seguindo coas accións establecidas no convenio marco para o período 2017-2022 e que se centran na transmisión, o uso, a calidade e actitude ante a lingua.

    Fonte: EITB

    26 de abril de 2018

    A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle ata o vindeiro 9 de maio a mostra "María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes". Trátase da primeira parada do proxecto expositivo itinerante co que a Xunta de Galicia lle rende tributo a María Victoria Moreno, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018, e lle achega á cidadanía a súa figura, vida e obra.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de abril de 2018

    A embaixada de Francia en Portugal e o Departamento de Educación da Rexión Autónoma de Madeira asinaron un acordo para reforzar e modernizar o ensino do francés no arquipélago.

    Fonte: JM Madeira

    25 de abril de 2018

    Con motivo da súa participación na conferencia "Diálogos Contemporáneos" celebrada en Macau, a ex-ministra de Cultura de Portugal, Isabel Pires de Lima, defendeu a internacionalización da lingua portuguesa como factor de motor económico.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    25 de abril de 2018

    O Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, convocado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chega á súa edición número 15 co obxectivo promover a reflexión e a dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    25 de abril de 2018

    A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación para o persoal da Administración autonómica de Galicia, entre os que se atopan dous de contido lingüístico: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública” e “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder