O Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016 conclúe, entre outros aspectos, que neste período se publicaron menos títulos, as tiraxes foron menores e diminuíron as axudas institucionais ao libro galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016 conclúe, entre outros aspectos, que neste período se publicaron menos títulos, as tiraxes foron menores e diminuíron as axudas institucionais ao libro galego.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O 24 de abril celébrase a 15ª edición dos Alcuentros de la Mocedá cola Llingua, unha xornada lúdico-pedagóxica que ten como obxectivo pór en contacto a mocidade coa lingua asturiana, promovendo o seu uso fóra das aulas.
Fonte: La Nueva España
A Xunta de Galicia impulsa a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco entre os máis pequenos cunha actividade de lecer ao aire libre da man dos seus personaxes preferidos, os Bolechas, que son un referente tanto de dinamización lingüística coma de literatura infantil de éxito.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Real Academia da Lingua Vasca fixo entrega dos Premios Azkue de Literatura, dirixidos á rapazada de entre 10 e 17 anos e que nesta edición recibiu ata 151 escritos. O obxectivo destes premios é fomentar a escritura en éuscaro entre a xuventude.
Fonte: Deia
O alumnado dos centros de ensino secundario do estado norteamericano de Washington precisa seguir avanzando na aprendizaxe de linguas estranxeiras para adaptarse aos novos requisitos de acceso universitario. A partir de 2019, os escolares de ensino secundario precisarán cursar un mínimo de dous créditos en linguas estranxeiras para poder conseguir o título e acceder á universidade.
Fonte: Q13 FOX
A Secretaría de Estado da Educación do Paraná, Brasil, regulamentará a oferta curricular nas escolas públicas nas comunidades indíxenas. En total, 14 comunidades terán catro horas semanais nas súas correspondentes linguas indíxenas.
Fonte: Bonde News
A evolución do mercado dos libros dende o ano 2013 en España mostra que existe unha progresiva recuperación no número de libros editados, cun aumento de ata un 27% no caso dos escritos en lingua catalá.
Fonte: La Vanguardia
O Teatro Colón da Coruña acolleu a gala de entrega da segunda edición dos Premios Youtubeir@s, presentada pola compañía teatral A Panadaría, nos que se rexistraron 230 vídeos participantes. Trátase dun concurso co que se pretende aumentar a presenza do galego en Internet e que está organizado polos servizos de normalización lingüística da Deputación da Coruña, as tres universidades galegas e nove concellos.
Fonte: Praza Pública
Un estudo sobre prácticas lingüísticas nas escolas de Navarra revela que un 30% do alumnado de cuarto de Primaria le en éuscaro, do cal un 11,1% faino soamente nesta lingua ou de forma máis frecuente.
Fonte: Diario de Navarra
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á sesión inaugural da actividade de dinamización lingüística "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", con que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) que el preside lle rende homenaxe á autora a quen se lle dedicará este ano o Día das Letras Galegas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Subscríbase ao boletín