Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de decembro de 2017

    A Universidade de San Tomé e Príncipe inaugurou o Centro de Lingua Alemá que promoverá o intercambio cultural e lingüístico entre Alemaña e o país africano de lingua portuguesa.

    Fonte: Deutsche Welle

    01 de decembro de 2017

    Dezaoito institucións, empresas e axentes de Guipúscoa presentaron as conclusións da iniciativa "Gipuzkoa berdinago". En concreto, acordaron unha declaración na que se recollen hábitos lingüísticos para fomentar o uso da lingua vasca, sempre co obxectivo de acadar un "maior equilibrio" na convivencia lingüística.

    Fonte: eitb.eus

    01 de decembro de 2017

    A Xunta vén de actualizar o servizo de tradución Gaio, que incorpora tres vocabularios personalizados diferentes: o xeral, o administrativo con nomenclatura das administracións galegas e nomes propios de lugares e persoas, e o xurídico con terminoloxía propia do campo xudicial e lexislativo. É unha das novidades da nova versión deste portal, que posibilita a tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán.

    30 de novembro de 2017

    O novo programa "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra" bota a andar en 14 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, que serán os primeiros en acoller outros tantos encontros en aberto dirixidos á cidadanía en xeral nos que persoal técnico especialista en toponimia porá en valor a microtoponimia, co obxectivo de concienciar sobre a importancia e a necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial.

    30 de novembro de 2017

    O novo videoclip 'Nun mar azul', promovido pola Asociación Familias Azuis coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pon en valor a diversidade lingüística e funcional, con motivo de concienciar a cidadanía sobre o autismo coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o domingo 3 de decembro.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de novembro de 2017

    O Goberno galego -a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- e Coca-Cola European Partners veñen de renovar un ano máis a súa colaboración para o desenvolvemento do concurso literario “Coca-Cola Novos Talentos-Premio de Relato Curto de Galicia”, que ten como finalidade promover o emprego da lingua galega na escrita por parte da mocidade.

    30 de novembro de 2017

    A exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, abriu a súa itinerancia no Museo Interactivo da Historia de Lugo, onde se poderá visitar ata o próximo 26 de decembro.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    30 de novembro de 2017

    Un informe revela que os refuxiados sirios afincados no País de Gales non teñen acceso a suficiente oferta de clases de inglés. O escaso profesorado responsable pensa que isto pode influír negativamente na súa busca de emprego.

    Fonte: BBC

    30 de novembro de 2017

    A Unesco acaba de engadir a lingua asubiada da aldea de Kuşköy en Turquía á lista que competirá para a distinción de ben de patrimonio inmaterial. Un total de 10 000 persoas empregan esta lingua diariamente.

    Fonte: Daily Sabah

    30 de novembro de 2017

    O colexio do Foxo, xunto á Asociación Comarcal de Empresarios e a Asociación de Comerciantes da Estrada, poñen en marcha por quinto ano a campaña "Bicos a moreas" que ten como obxectivo impulsar a etiquetaxe en galego dos agasallos de Nadal.

    Fonte: Faro de Vigo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder