Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de xuño de 2017

    Segundo os resultados da terceira enquisa sociolingüística de Asturias, que foron publicados pola Academia da Lingua Asturiana, un 90 % da cidadanía quere que se inclúa o asturiano nos plans de estudo das escolas da Comunidade.

    Fonte: La Nueva España

    29 de xuño de 2017

    A Consellería de Cultura de Cataluña achegará 300 000 euros a unha nova liña de axudas para traducir obras literarias e non literarias ao catalán. Segundo indicou o conselleiro Santi Vila, cómpre mencionar que se fará fincapé na tradución de ensaios.

    Fonte: El Periódico

    29 de xuño de 2017

    ‘Os mundos de Carlos Casares’, exposición central das Letras Galegas 2017, chega da man da Fundación Carlos Casares e co apoio, entroutros, da Consellería de Cultura -por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura- á cidade da Coruña para facer parada ata o vindeiro 23 de xullo na Fundación Pedro Barrié de la Maza.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    28 de xuño de 2017

    O Goberno do País Vasco aprobou un orzamento de máis de 1,6 millóns de euros para financiar plans de éuscaro nas empresas privadas da Comunidade a través do programa Lanhitz, que axudou a 441 entidades desde o ano 2004.

    Fonte: ABC

    28 de xuño de 2017

    A oficina do comisario da Lingua Irlandesa da República de Irlanda rexistrou en 2016 un total de 768 queixas en materia de lingua, o récord desde a súa constitución en 2004.

    Fonte: The Irish Times

    28 de xuño de 2017

    O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) organiza na sede da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa en Lisboa unhas xornadas co obxectivo de promover o portugués e a lusofonía.

    Fonte: e-Global

    28 de xuño de 2017

    O Consorcio para a Normalización Lingüística de Cataluña finalizou o curso académico con resultados moi positivos, pois ofreceu case 2000 cursos presenciais e contou con máis de 40 000 persoas inscritas tanto na modalidade presencial como en liña. Do mesmo xeito, houbo 4000 parellas lingüísticas.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    28 de xuño de 2017

    A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega na modalidade de teleformación.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    28 de xuño de 2017

    A Universidade de Vigo organiza unha serie de cursos que teñen como obxectivo mellorar a redacción, ampliar vocabulario e actualizar os coñecementos sobre a lingua galega.

    Fonte: Universidade de Vigo

    27 de xuño de 2017

    A normalización lingüística do éuscaro segue a progresar. Neste caso, deuse un paso adiante nun eido esencial para o avance de calquera comunidade moderna, xa que se incluíu o éuscaro no buscador europeo Qwant. Este feito reafirma o labor levado a cabo por diversas entidades e asociacións e achega un novo acceso ao mundo dixital para a cultura vascófona.

    Fonte: Noticias de Álava

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder