Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de maio de 2017

    A enquisa de usos lingüísticos na cidade sarda de Alguer (2015) revela que máis do 77 % da poboación adulta está a favor de aprender e empregar o catalán e máis do 90 % avoga pola súa introdución, xunto co sardo, nas escolas. O estudo nace da colaboración entre o Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña e o Municipio de Alguer.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    10 de maio de 2017

    Entre as iniciativas que se presentaron para conmemorar o Día Internacional da Lingua Portuguesa destaca o vídeo Sotaques que tenta mostrar, por medio da lectura dunha pasaxe dun libro infantil de Valter Hugo Mãe, as diferentes variedades do portugués no mundo.

    Fonte: El País Brasil

    10 de maio de 2017

    O Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, creado en 2007, reunirase por vez primeira desde o ano 2010 para analizar un informe sobre o grao de cumprimento do uso das linguas cooficiais na Administración Xeral do Estado e os seus organismos adscritos.

    Fonte: Galicia Confidencial

    10 de maio de 2017

    O Consello Navarro do Éuscaro aprobou un informe favorable ao proxecto de Decreto Foral que regulará o uso do éuscaro nas Administracións Públicas de Navarra.

    Fonte: Noticias de Navarra

    10 de maio de 2017

    Un estudo da Alianza Tecnolóxica Multilingüe de Europa, no que participaron 200 especialistas, analiza as aplicacións e as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para 31 linguas europeas, entre elas o galego.

    Fonte: Praza Pública

    10 de maio de 2017

    A partida orzamentaria de 807 000 euros estará destinada a promover, desenvolver e normalizar a utilización do éuscaro no contorno dixital. O Goberno convocará axudas para financiar proxectos novos en éuscaro así como proxectos que xa estaban en marcha.

    Fonte: Gobierno Vasco

    10 de maio de 2017

    O xurado do XIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores concedeulle o galardón á médica Iria Veiga Ramos polo seu traballo "Inchazón". A gañadora recibirá 1250 euros e a publicación do artigo en varios medios de comunicación galegos.

    Fonte: Galicia Hoxe

    10 de maio de 2017

    O obxectivo desta proposta é fomentar o uso do galego nas lápidas dos cemiterios, nun concello onde o emprego desta lingua é moi elevado, o que non se corresponde coa súa escasa presenza nos camposantos.

    Fonte: La Voz de Galicia

    09 de maio de 2017

    Novos datos publicados revelan que os cidadáns británicos están máis dispostos a aprender unha lingua estranxeira despois de que o país votase a favor de abandonar a Unión Europea.

    Fonte: The Independent

    09 de maio de 2017

    Un estudo elaborado pola Universidade Ruhr de Bochum, Alemaña, revelou que o alumnado que comeza a aprender inglés no primeiro ano da educación primaria non mostra mellores resultados académicos na materia que os escolares que comezan máis tarde.

    Fonte: Science Daily

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder