Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de setembro de 2014

    O certame OUFF Escola do Festival de Cine Internacional de Ourense alcanza este ano o seu récord de participación, ao recibir un total de 76 películas realizadas por estudantes en lingua galega.

    Fonte: Faro de Vigo

    12 de setembro de 2014

    A conselleira de Educación, Cultura e Universidades, Joana Maria Camps, destacou a obxectividade dos resultados das probas de diagnóstico que apuntan a unha mellora xeneralizada das competencias lingüísticas en inglés, castelán e catalán en Primaria.

    Fonte: Diario de Mallorca

    12 de setembro de 2014

    O Goberno vasco desenvolveu unha nova aplicación para poder acceder a través dos dispositivos móbiles ao Banco Terminolóxico Público Vasco, Euskalterm. Esta é unha ferramenta con termos especializados de informática, economía, administración e dereito, e inclúe definicións e a tradución desas palabras en éuscaro a outras linguas.

    Fonte: ABC

    11 de setembro de 2014

    O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, visitará esta semana as catro provincias galegas, ao levar dúas das súas propostas de lecer a cinco novas vilas.

    Fonte: Xunta de Galicia

    11 de setembro de 2014

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado dos secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, recibiu na Cidade da Cultura de Galicia os dezasete alumnos que aprenden galego no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires e aos dous docentes que os acompañan.

    Fonte: Xunta de Galicia

    11 de setembro de 2014

    A XVI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), muda o seu esquema habitual e analizará a realidade plurilingüística de España.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    11 de setembro de 2014

    Este curso o sistema educativo galego alcanza os 454 auxiliares de conversa de inglés nativos, o que supón un 4,3 % máis que no anterior ano académico.

    Fonte: Faro de Vigo

    11 de setembro de 2014

    O Concello de Carral organiza dúas xornadas sobre Novas Ferramentas Web e Informáticas en Galego, que se desenvolverá os días 16 e 17 deste mes de setembro.

    Fonte: La Opinión

    11 de setembro de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe a difundir no exterior a obra de Xosé María Díaz Castro coa primeira tradución ao inglés do poemario Nimbos, realizada por John Rutherford.

    Fonte: Xunta de Galicia

    11 de setembro de 2014

    Presentouse a campaña “Linkedin en catalán” que reclama que esta rede social vinculada ao mundo profesional teña a súa versión en catalán. A campaña, impulsada pola Fundación puntCAT, pide que Linkedin, que está dispoñible en 42 linguas, incorpore tamén o catalán.

    Fonte: El Periódico

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder