Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de xaneiro de 2025

    Os sindicatos educativos e unha comisión do Parlamento do País de Gales demandan máis detalles e recursos para garantir que os estudantes de 16 anos falen galés con fluidez en 2050.

    Fonte: BBC

    14 de xaneiro de 2025

    FITUR Lingua celebrará o 22 de xaneiro unha xornada dedicada ao turismo idiomático, na que se destacará o idioma como recurso turístico e motor cultural, educativo e económico. O evento incluirá relatorios e mesas de debate sobre retos, políticas públicas e casos de éxito. Tamén ofrecerá unha área de networking para promover sinerxías no sector lingüístico.

    14 de xaneiro de 2025

    O Concello de Bilbao impulsa unha nova edición de Ikusi eta Ikasi, programa de lecer familiar en éuscaro que celebra 22 anos de actividade. Con 64 propostas para menores de 2 a 11 anos, inclúe sesións específicas para os máis pequenos e as súas familias. A inscrición está aberta do 13 ao 27 de xaneiro na web oficial do programa.

    14 de xaneiro de 2025

    O CSIC publica un ano máis o Calendario científico escolar 2025, dispoñible para a súa descarga, xunto con outros recursos didácticos, en 11 idiomas (entre os que se atopa o galego) e mais en braille.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    14 de xaneiro de 2025

    A Secretaría Xeral de Medios publicou no DOG a convocatoria de subvencións para o ano 2025 dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de xaneiro de 2025

    O Ministerio de Educación marroquí anunciou un plan para capacitar máis de 3000 docentes na ensinanza da lingua tamazight, reforzando así a súa presenza no sistema educativo nacional.

    Fonte: Morocco World News

    13 de xaneiro de 2025

    As universidades de Finlandia están a empregar cada vez máis o inglés como lingua principal de instrución, desprazando o finés e o sueco. Isto está a xerar preocupación sobre a preservación das linguas nacionais no ámbito académico.

    Fonte: EuroWeekly News

    13 de xaneiro de 2025

    Dentro das actividades para conmemorar o ano novo tamazight, celébrase en Melilla o 17 de xaneiro a xornada «El Amazige en Melilla: una lengua de Europa» na que participarán especialistas de diferentes países europeos.

    Fonte: Cope

    13 de xaneiro de 2025

    O centro cívico de Zabalgana acolle a exposición interactiva «Euskara ibiltaria», que explora a diversidade da lingua vasca a través do Atlas das Variedades Locais do Éuscaro. Esta mostra busca divulgar o valor cultural da lingua e permitir unha experiencia sensorial para coñecer as súas variantes dialectais. Inclúe mapas, xogos e audios que revelan a riqueza léxica e morfolóxica do idioma, resultado de entrevistas realizadas entre 1987 e 1992 en 145 localidades.

    13 de xaneiro de 2025

    O Concello de Lugo envioulles carteis aos comercios locais para anunciar as rebaixas en galego, dentro das accións para promover o uso cotián desta lingua. A edil Maite Ferreiro salientou a urxencia de medidas efectivas ante o preocupante descenso do seu uso entre a xente nova. Presentouse tamén un decálogo para reverter esta situación e asegurar a supervivencia do galego.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder