Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de agosto de 2013

    O Tribunal Supremo de Canadá confirmou que nos tribunais da provincia canadense de Columbia Británica non é posible presentar documentación unicamente en francés, situación que podería menoscabar os dereitos lingüísticos dos francófonos desta provincia.

    Fonte: Le Devoir

    02 de agosto de 2013

    O Ministerio de Infraestruturas italiano envioulles un comunicado aos concellos de Sardeña para que se adecúen ás disposicións estatais e retiren os sinais escritos en lingua sarda ao inicio e final das respectivas localidades.

    Fonte: Sardegna Oggi

    02 de agosto de 2013

    Un estudante universitario comezou a traballar nun proxecto que pretende documentar e arquivar as linguas do país asiático de Bután que estean en perigo de desaparición. Unha delas é o olekha que só conta cun falante vivo que a fala con fluidez.

    Fonte: SBS

    02 de agosto de 2013

    O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) é o artífice do Proxecto Mámoas-Palabras de Pedra, unha iniciativa que busca a valorización da lingua e o patrimonio galegos, en concreto das mámoas de Oirós.

    Fonte: Faro de Vigo

    01 de agosto de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a promover o galego nas festas estivais e mais nas piscinas municipais dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia con 'Peter Punk' e 'FalaRedes'.

    Fonte: Xunta de Galicia

    01 de agosto de 2013

    Varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anularon dous dos artigos do decreto do plurilingüismo, polo que a Consellería de Educación tivo que adaptar esta norma para o próximo curso.

    01 de agosto de 2013

    A actitude ‘euskaltzale’ ou favorable á promoción do éuscaro duplica as posicións reticentes ao impulso desta lingua, segundo se recolle no estudo ‘O éuscaro na Comunidade Autónoma do País Vasco: competencia, uso e opinión’, presentado polo Goberno vasco.

    Fonte: 20 minutos

    01 de agosto de 2013

    O conselleiro de Cultura, Ferran Mascarell, o de Xustiza, Germà Gordó, e o presidente do Ilustre Consello do Colexio de Graduados Sociais de Cataluña, Vicenç Cardellach, asinaron un acordo marco de colaboración para realizar accións conxuntas que fomenten o uso do catalán.

    31 de xullo de 2013

    Malia a consideración oficial da cidade quebequesa de Montreal como francófona, a Administración municipal debe continuar ofrecendo servizos en inglés ou noutras linguas "sempre que o número o xustifique", declarou Denis Coderre, candidato á alcaldía nesta cidade.

    Fonte: Le Devoir

    31 de xullo de 2013

    Un estudo realizado pola Escola de Música da Universidade de Edimburgo, en Escocia, concluíu que cantar nunha lingua estranxeira axuda a aprender ese idioma. A investigación empregou o idioma húngaro, considerado un dos máis difíciles e diferentes para os europeos.

    Fonte: DW

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder