Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de maio de 2013

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, apoia economicamente 11 proxectos presentados por concellos e entes da provincia de Lugo para a promoción da lingua galega nas institucións locais.

    Fonte: Xunta de Galicia

    16 de maio de 2013

    A canle xeneralista en éuscaro terá unha programación propia e nova de máis de dez horas diarias na grella de 2013-2014, redeseñando o intervalo de mediodía á noite.

    Fonte: El País

    16 de maio de 2013

    Entre outras, o Servizo de Ensino do Catalán (SECAT) era o encargado de expedir os certificados de coñecementos de lingua catalá aos alumnos que cursaron cuarto de ESO ou segundo de Bacharelato. Tamén entregaba os títulos de capacitación para impartir clase en Baleares nos cursos de reciclaxe para o profesorado.

    Fonte: Diario de Mallorca

    16 de maio de 2013

    Nun informe presentado recentemente con motivo do Consello dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas, a experta Rita Izsak declarou que se está producindo un declive preocupante das linguas minoritarias do mundo e nalgúns casos débese a factores como a globalización e os procesos de asimilación cultural.

    Fonte: Kashmir Times

    16 de maio de 2013

    Con 83 millóns de internautas no mundo, a lingua portuguesa xa superou o árabe, o francés e o alemán e é o quinto idioma máis falado na web, segundo datos da Unión Internacional de Telecomunicacións. Os expertos prevén que, en poucos anos, o portugués poderá superar o xaponés e ocupar a cuarta posición.

    Fonte: O Diário

    15 de maio de 2013

    Galicia inicia o camiño para a recuperación dos lazos co mundo da lusofonía e empregar o galego e as súas raíces comúns co portugués como potencial económico, non só co país veciño, senón coas potencias emerxentes, como é Brasil.

    Fonte: Galicia Hoxe

    15 de maio de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Outes na programación conmemorativa da semana grande das Letras Galegas a través da mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”.

    Fonte: Xunta de Galicia

    15 de maio de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski reafirman o compromiso común pola promoción da lingua e a cultura propias de Galicia, co lanzamento dunha nova campaña conmemorativa implementada en todos os establecementos que integran a rede comercial da empresa con motivo das Letras Galegas 2013.

    Fonte: Xunta de Galicia

    15 de maio de 2013

    Con motivo do Gran Premio de Fórmula 1 no Circuíto de Cataluña, o TERMCAT publicou en liña o Diccionari d’automobilisme que recolle máis de 200 termos relevantes deste deporte de motor e ofrece tamén a consulta dunha corentena de termos seleccionados no tríptico Termes de la Fórmula 1. Tanto o dicionario como o tríptico presentan as denominacións e a definición en catalán e os equivalentes en castelán, francés e inglés.

    15 de maio de 2013

    As entidades a prol das linguas minorizadas da República Francesa pedirán diante da sede da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) "asilo cultural" ante a "discriminación lingüística sistemática" que padecen os seus falantes.

    Fonte: Nationalia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder