Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de maio de 2013

    Unha investigación realizada pola Universidade de Columbia Británica (Canadá) e a Universidade París Descartes (Francia) desvelou que os nenos bilingües son capaces de distinguir sons e frases en diferentes linguas a partir dos sete meses.

    Fonte: Befan

    14 de maio de 2013

    O BNG presentou unha Proposición de lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega co obxectivo de completar o desenvolvemento dos preceptos recollidos do Estatuto de Autonomía e anovar e reformar a Lei de normalización lingüística de 1983. A proposición recolle numerosas propostas que buscan asentar o uso do galego por parte das administracións públicas, o ensino, a xustiza ou os medios de comunicación.

    Fonte: Praza Pública

    14 de maio de 2013

    A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, convoca o V Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos, dirixido a todo o estudantado desta universidade.

    Fonte: Universidade da Coruña

    14 de maio de 2013

    O primeiro plan de normalización do éuscaro en Osakidetza (Servizo Vasco de Saúde) 2005-2012 só acadou o 58 % dos seus obxectivos. A principal carencia continúa radicando no uso da lingua, tanto nas relacións internas do persoal sanitario como nas relacións asistenciais.

    Fonte: El Mundo

    14 de maio de 2013

    O Goberno vasco manterá este ano o seu compromiso financeiro co fomento do éuscaro ao destinar un total de 41,2 millóns de euros a este fin. Como principal novidade da convocatoria de axudas para este 2013, o Goberno recuperou as bolsas individuais para os alumnos.

    Fonte: El Mundo

    14 de maio de 2013

    Unha enquisa sobre o uso da lingua galesa polos profesionais do servizo británico de saúde abordará as "inconsistencias" actuais do uso do galés e garantirá un servizo sanitario "seguro" para unha nación bilingüe, declarou a comisaria da lingua galesa, Meri Huws.

    Fonte: Wales Online

    14 de maio de 2013

    Os bretóns acaban de acadar a súa identidade dixital. Os seus enderezos de sitios de internet poderán pronto rematar en .bzh. Trátase dunha vitoria para a asociación Point BZH que encabezaba o proxecto desde hai varios anos.

    Fonte: Les Inrocks

    13 de maio de 2013

    O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, recoñeceu durante a cita anual da Irmandade Xurídica Galega (Ixuga) que o emprego do galego na Xustiza "non goza dunha situación normalizada".

    Fonte: Faro de Vigo

    13 de maio de 2013

    A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que nas últimas semanas se está a producir “de xeito paulatino” unha mudanza dos únicos sinais en galego que hai na AP-9, para que “a partir de agora só haxa información en castelán e en inglés e nada en galego”.

    Fonte: Praza Pública

    13 de maio de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas convocadas pola Orde do 5 de febreiro de 2013 pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder