Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de maio de 2013

    A empresa Soziolinguistika Klusterra deu a coñecer os resultados da medición que se fixo en novembro do 2012 sobre o uso do éuscaro na rúa. A utilización do éuscaro subiu en case un punto en cada un destes últimos doce anos. No ano 2000, o 33 % utilizaba o éuscaro e en 2012, un 41,8 %.

    Fonte: Diario Vasco

    13 de maio de 2013

    A conselleira de Educación, Política Lingüística e Cultura, Cristina Uriarte, avanzou que estuda aumentar o número de horas en éuscaro no modelo A, no que se utiliza o castelán como lingua vehicular, xa que cre que “o sistema actual non é válido para garantir un coñecemento práctico das dúas linguas oficiais".

    Fonte: El País

    13 de maio de 2013

    Varios milleiros de persoas do departamento francés dos Pireneos Atlánticos, 40 000 segundo os organizadores, participaron na trixésima festa de escolas en lingua vasca para denunciar o incumprimento das promesas do presidente francés, François Hollande, sobre a ratificación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.

    Fonte: Vousnousils

    12 de maio de 2013

    O santuario portugués de Fátima ofrecerá interpretación en lingua de signos portuguesa para que as persoas con dificultades auditivas poidan participar na eucaristía, anunciou o reitor da institución, Carlos Cabecinhas.

    Fonte: Público

    11 de maio de 2013

    O Goberno francés segue mostrando reticencias á hora de dar ás linguas rexionais francesas unha maior presenza nos proxectos de lei. Despois da negativa de ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a súa escasa presenza na lei sobre a reforma do ensino, o proxecto de lei sobre a descentralización, cun só artigo dedicado a estas linguas, ameaza con decepcionar, unha vez máis, os seus defensores.

    Fonte: Eitb

    11 de maio de 2013

    Sete familias lingüísticas do continente eurasiático, con linguas tan diferentes como o inuit, o támil, o xaponés, o grego e o húngaro, evolucionaron dunha mesma lingua que se falaba en tempos do último período glacial. Esta é a conclusión dunha investigación realizada por diversos investigadores do ámbito da lingüística de diferentes universidades do mundo.

    Fonte: New Scientist

    10 de maio de 2013

    A crise está a ser “unha fértil fonte de enriquecemento da lingua española”, coa incorporación de ingresos léxicos, de novas palabras e a recuperación doutras, o que permite “crear linguaxe” afirmou o director da Fundación do Español Urxente (Fundéu BBVA), Xoaquín Müller.

    Fonte: La Rioja

    10 de maio de 2013

    O Consello Executivo acordou que sexa obrigatorio o uso do catalán en todos os trámites dos procesos xudiciais dos tribunais de Cataluña nos que interveña a Generalitat ou as entidades do seu sector público. Desta forma, o Executivo pretende aumentar e normalizar o uso desta lingua nun ámbito que continúa a ser minoritario.

    10 de maio de 2013

    A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) destina este ano 64 0000 euros ao servizo de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas que se ofrece de xeito presencial no Rexistro Xeral da Xunta, nas delegacións territoriais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol e a través do portal corporativo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    09 de maio de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, clausurou no Auditorio Municipal padronés a mostra “Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder