O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel J. Juárez, e o xefe provincial de Tráfico da Coruña e coordinador da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia, Pedro José Pastor del Castillo, asinaron o primeiro convenio de colaboración en virtude do cal a Administración autonómica e mais a DXT cooperarán na promoción do uso do idioma propio de Galicia grazas ao que, entre outras cousas, se poderán realizar en galego as probas teóricas para a obtención do carné de conducir.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A asociación Convivencia Cívica Catalá asegurou que se presentaron 1031 solicitudes nas escolas catalás para recibir ensino bilingüe –aínda que non precisaron cantas peticións foron durante este curso escolar- e que 19 familias acudiron aos tribunais.
Fonte: La Vanguardia
Aprender xogando é unha técnica empregada en moitos niveis educativos, tamén no ámbito dos idiomas. Unha empresa española está desenvolvendo unha ambiciosa aposta no ensino de idiomas, a Spanish Language Route (Ruta da Lingua Española), unha aventura gráfica en 3D na que, coa escusa de rescatar o diario de Cervantes, o alumno-xogador pasa múltiples etapas de aprendizaxe de español.
Fonte: RTVE
O Concello escocés de Glasgow consultará coa cidadanía o borrador do seu programa sobre a lingua gaélica dada a crecente popularidade que esta está a experimentar no ámbito local. O programa é o segundo destas características no concello e pretende levar a lingua gaélica ás persoas que queiran aprendela.
Fonte: Stv News
O Concello da cidade sarda de Alguer institucionaliza o uso do catalán e introdúceo nos actos oficiais.
Fonte: Sassari Notizie
A nova proposta da Alcaldía e o Servizo de Normalización Lingüística de Cee para dinamizar a lingua galega é o II Certame de relato curto “Igualando a lingua”.
Fonte: Que Pasa na Costa
O Concello de Carballo recibiu –unha vez finalizado o prazo de presentación o pasado 11 de abril– un total de 46 traballos para o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores.
Fonte: Praza Pública
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou no Salón Teatro a programación da Xunta de Galicia para as Letras Galegas 2013, día que este ano estará dedicado a Roberto Vidal Bolaño.
Fonte: Xunta de Galicia
A Deputación de Áraba puxo en marcha a campaña ‘Xiro Onean’, dirixida a impulsar a presenza e uso do éuscaro no sector socioeconómico de Áraba, incluíndo “de forma progresiva” esta lingua na paisaxe lingüística dos estabelecementos de hostalería do territorio e na documentación dirixida aos clientes.
Fonte: La Vanguardia
A Sociedade para a Promoción e Reconversión Industrial (SPRI) organizou xornadas de traballo en Biscaia e Guipúscoa para promover entre os falantes en éuscaro as claves para “euscaldunizar” os seus ordenadores, tablets e móbiles e os seus sistemas operativos e aplicacións informáticas.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín
