Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de febreiro de 2013

    O Concello de Xove, en colaboración coas entidades deportivas do municipio, está a desenvolver, desde o pasado mes de outubro de 2012, a campaña de dinamización lingüística "En galego enténdote, non cambies", deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito do deporte e promover o mantemento do idioma entre a poboación galegofalante.

    Fonte: Prolingua

    06 de febreiro de 2013

    A Universidade de Santiago de Compostela ofrécelle á comunidade universitaria o acceso a un tradutor en liña galego-español-inglés personalizado para o traballo no contorno universitario.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    06 de febreiro de 2013

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou un novo recurso terminolóxico orientado a facilitar o uso do galego no sector da restauración. Trátase do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado no seo do Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega Termigal e coordinado polo lingüista Manuel González González.

    Fonte: Xunta de Galicia

    06 de febreiro de 2013

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca unha nova edición do programa de dinamización lingüística Nós tamén creamos! en colaboración coa Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora.

    Fonte: Xunta de Galicia

    06 de febreiro de 2013

    Os dous euskaltegis de Eibar (o municipal e o de AEK) organizaron un concurso de palabras en éuscaro, coa colaboración do Concello de Eibar. Este novo concurso trata de escoller entre todos os participantes a palabra «máis fea» en éuscaro.

    Fonte: Diario Vasco

    06 de febreiro de 2013

    A empresa cordobesa Signlab desenvolveu o proxecto TextoSIGN, que se centra na tradución e interpretación de textos a lingua de signos mediante a xeración de vídeos cun avatar animado en 3D.

    Fonte: Tendencias 21

    05 de febreiro de 2013

    Profesores angolanos, que participaron nun seminario de formación e linguas nacionais, defenderon a necesidade de valorizar os nomes locais e posibilitar a creación de condicións para a súa xeneralización.

    Fonte: Jornal de Angola

    05 de febreiro de 2013

    O Instituto Camões pasará a certificar as entidades autorizadas para realizar no estranxeiro as probas de lingua portuguesa que constitúen un requisito para a adquisición da nacionalidade portuguesa, ata agora realizadas nos consulados.

    Fonte: Correio da Manhã

    05 de febreiro de 2013

    As leis a prol da lingua francesa en Canadá garantiron a vitalidade e difusión do francés. Porén, internet está presentando novos retos para a vitalidade da lingua no Goberno federal, tal como informou o Comisario Canadense de Linguas Oficiais.

    Fonte: Metro

    05 de febreiro de 2013

    O Xulgado Contencioso Administrativo número 7 de Barcelona admitiu a trámite o recurso presentado por Alternativa Cidadá Progresista (ACP) contra o Concello de Barcelona por excluír o español de ‘todas as informacións, escritas e visuais’ das instalacións dun centro municipal deportivo do Ensanche da cidade.

    Fonte: La Voz de Barcelona

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder