Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de outubro de 2011

    A Comisión de Poboación e Desenvolvemento Humano da Cámara baixa de Arxentina tratará un proxecto para realizar a tradución da Constitución ás diferentes linguas dos pobos indíxenas que habitan o país. As linguas serán, entre outras, o mapuche, o guaraní e o quechua.

    Fonte: El Diario 24

    07 de outubro de 2011

    As plataformas galegas Meubook e Redelibros acaban de pór en marcha a primeira edición do Certame de Relatos Tempos Dixitais. O concurso, destinado a fomentar a creatividade e a escrita en lingua galega nas redes e ferramentas sociais, as 2.0, xorde cunha clara vontade social de espallamento da lectura.

    Fonte: Código Cero

    07 de outubro de 2011

    A Asociación de Persoas Xordas de Vigo convocou o seu I Certame de Curtametraxes en lingua de signos e invitan a todas as persoas xordas afeccionadas a realizar vídeos ou películas curtas a participar coas súas propias producións.

    Fonte: Diario Signo

    07 de outubro de 2011

    Xa se pode configurar o navegador Tomtom para que fale en galego ou na fala dos canteiros. Rinoceronte Editora pon a disposición do público os arquivos para mudar a lingua do navegador. Dúas voces en galego, unha masculina e unha feminina, e mais unha versión na lingua dos canteiros están xa dispoñibles.

    Fonte: Culturagalega.org

    07 de outubro de 2011

    As leis vascas e as inicitivas lexislativas estatais con rango de lei publicaranse tamén en éuscaro no Boletín Oficial do Estado (BOE), segundo informou o departamento de Presidencia do Goberno vasco.

    Fonte: Diario Siglo XXI

    07 de outubro de 2011

    O proxecto requería un investimento inicial de once millóns que de momento Cultura non pode asumir. A súa vocación era a de promover o coñecemento da diversidade lingüística e fomentar a investigación.

    Fonte: La Vanguardia

    06 de outubro de 2011

    As xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ e o I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a curta’ son dúas actividades coas que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación tentará reflexionar sobre o futuro do xornalismo e contribuír ao mesmo tempo á normalización da lingua galega dende o contexto audiovisual.

    Fonte: Universidade de Santiago

    06 de outubro de 2011

    O prazo para inscribirse no congreso "As Linguas e Culturas do Camiño de Santiago de Compostela: Presente e Futuro" xa está aberto. As persoas interesadas en asistir a este acto, que terá lugar entre os días 21 e 22 de outubro na capital galega, deben cubrir cos seus datos persoais o formulario de inscrición que atoparán na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou no sitio web http://www.santiagolanguages.com/gl/congreso. A inscrición é gratuíta.

    06 de outubro de 2011

    A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) está detectando irregularidades no acceso á comunicación nos servizos de xestión telefónica dispoñibles para clientes de entidades telefónicas e bancarias, entre outras. Segundo explica este colectivo nun comunicado, as devanditas empresas carecen de acceso directo en lingua de signos e textos aos seus servizos.

    06 de outubro de 2011

    Co obxectivo de concienciar sobre as barreiras existentes entre as persoas oíntes e as persoas con discapacidade auditiva usuarias da denominada lingua de signos, dotar de ferramentas e estratexias básicas de comunicación audiovisual e ofrecer formación sobre o trato adecuado a clientes con discapacidade auditiva, o Padroado Provincial de Turismo (Protur) organizou un curso básico de introdución á lingua de signos española destinado a profesionais do sector.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder