Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de xuño de 2011

    Canadá, a través da Axencia Internacional Canadense para o Desenvolvemento, contribúe con 5,6 millóns de dólares a apoiar a Sri Lanka para que poña en marcha a súa política nacional de linguas. Canadá compartirá con Sri Lanka o seu coñecemento e a súa experiencia para a implantación do bilingüismo.

    Fonte: Colombo Page

    30 de xuño de 2011

    O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recordou o labor realizado por Fermín Bouza Brey a prol da lingua galega no ámbito da xustiza. Fíxoo no acto de homenaxe organizado pola Irmandade Xurídica Galega, que promoveu a instalación dun busto do maxistrado en Pontevedra, na praza que leva o seu nome.

    Fonte: Xunta de Galicia

    29 de xuño de 2011

    A lexislación vixente sostén que os graduados en Dereito en Galicia deben estar preparados para satisfaceren na súa actividade profesional os dereitos lingüísticos dos cidadáns recoñecidos na Constitución, o Estatuto de Autonomía ou a Lei de normalización lingüística tales como poder dirixirse en galego á Administración pública con sede en Galicia e esixir o seu uso.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    29 de xuño de 2011

    A Agrupación Universitaria polo Asturiano (CUPA) acaba de presentar ante a Universidade de Oviedo unha reclamación formal sobre o Regulamento de Estudos de Doutoramento para que se permita a presentación de teses de doutoramento en lingua asturiana, unha posibilidade que nestes momentos a norma non recolle.

    Fonte: Europa Press

    29 de xuño de 2011

    A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa prepárase para recibir a Guinea Ecuatorial como novo membro do grupo. Outros países como Ucraína e as Illas Mauricio xa demostraron o seu interese en asociarse.

    Fonte: Fátima Missionária

    29 de xuño de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado propoñen para este verán un programa de dinamización lingüística dirixido a fomentar o uso do galego entre a mocidade a través dos campamentos que organiza a Xunta de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    28 de xuño de 2011

    Un total de vinte e cinco profesores de todo o país realizou un curso inicial de lingua de signos organizado pola Unidade de Necesidades Educativas Especiais do Ministerio de Educación e o Grupo de Apoio aos Xordos.

    Fonte: Kaieteur News

    28 de xuño de 2011

    O vicerreitor de Relacións Internacionais e Institucionais da Universidade de León (ULE), José Luís Chamosa, manifestou que a formación en idiomas do persoal administrativo e de servizos da institución académica é "o gran reto” para avanzar na internacionalización e na mobilidade.

    Fonte: 20 minutos

    28 de xuño de 2011

    A Confederación Estatal de Persoas Xordas esixiu información accesible en servizos sanitarios tales como os referidos á saúde reprodutiva e aos procesos de cambio de sexo, onde a lingua de signos e os apoios á comunicación oral, din, están ausentes.

    Fonte: Diario Siglo XXI

    28 de xuño de 2011

    O Diario Oficial da Unión Europea adoptará o Acordo Ortográfico para a lingua portuguesa a partir de xaneiro de 2012, segundo adiantou o responsable do idioma na Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea.

    Fonte: Expresso

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder