Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de novembro de 2011

    Alumnos e alumnas de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela visitaron a Secretaría Xeral de Política Lingüística para completar a súa formación académica na materia que están a cursar sobre Planificación sociolingüística da lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de novembro de 2011

    A diversidade lingüística e cultural do Camiño de Santiago protagoniza unha exposición que chega a Alemaña e que busca poñer en valor o plurilingüismo e a riqueza cultural no ámbito europeo a través do galego.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de novembro de 2011

    O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei reforza con argumentos sólidos a réplica a preconceptos sobre o galego no ensaio Lingua galega e variación dialectal, que acaba de publicar Laiovento.

    Fonte: El País

    22 de novembro de 2011

    A Consellería de Educación e Cultura seguirá potenciando o ensino e a aprendizaxe da lingua portuguesa como elemento de definición da educación en Estremadura.

    Fonte: Extremadura al Día

    22 de novembro de 2011

    A Oficina de Normalización Lingüística do Concello de Llaviana convocou o seu primeiro concurso de elaboración de postais de Nadal en lingua asturiana, dirixido aos alumnos dos centros de educación primaria do concello.

    Fonte: 20 minutos

    21 de novembro de 2011

    Co fin de responder á necesidade de protexer as linguas locais, durante a presentación da tradución do libro A lingua ormuri: pasado e presente, expertos de Paquistán e outros países instaron a facer un esforzo para salvar esta lingua, falada polo pobo ormuri en Paquistán e Afganistán.

    Fonte: The Express Tribune

    21 de novembro de 2011

    O condado de Dodge, no estado americano de Nebraska, non imprimirá o material electoral en lingua española porque cre que o nivel de alfabetización da poboación de orixe latina (un 10 % do total do condado) é superior á media nacional.

    Fonte: Fox News

    21 de novembro de 2011

    Un lipdub (un vídeo musical no que os protagonistas fan playback mentres soa a música nun reprodutor móbil dunha canción popular e que é costume realizar nunha soa toma) feito no CPI Virxe da Saleta de Cea a finais do pasado curso en defensa do galego está triunfando nas redes sociais.

    Fonte: La Voz de Galicia

    21 de novembro de 2011

    Un novo proxecto de radio en lingua galega vén de aparecer na rede: anfiteatrogzradio. A súa intención é a de encher as 24 horas do día con programación de diversos contidos, coa finalidade de crear unha emisora en galego que fomente os grupos musicais galegos, a literatura galega... e todo canto teña cabida no mundo da cultura.

    Fonte: SNL de Redondela

    21 de novembro de 2011

    A mellora da competencia en galego do persoal da Administración Xeral do Estado que presta os seus servizos en Galicia é un obxectivo que comparten a Xunta e o Instituto Nacional de Administración Pública (INAP).

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder