Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de outubro de 2024

    A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia e no Portal da Lingua a adxudicación de catro bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas do centros de estudos galegos localizados na Universidade Complutense de Madrid, na Universidade da Sorbonne Nouvelle de París (Francia), na Universidade Sapienza de Roma (Italia) e na Federal da Bahía (O Brasil).

    01 de outubro de 2024

    O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou coincidindo co Día Internacional da Tradución, as residencias que se están a desenvolver simultaneamente na illa de San Simón. Trátase de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do seu compromiso coa promoción da creación artística a través de propostas que chamen aos escritores e escritoras a somerxerse nun contorno especial e potenciar así a súa creatividade.

    01 de outubro de 2024

    O corpo de policía do norte de Gales anunciou a implantación de medidas concretas que afianzan e fortalecen o seu compromiso coa lingua galesa. O obxectivo é ofrecer un servizo asistencial íntegro en galés a todas as persoas que así o reclamen.

    Fonte: North Wales Police

    30 de setembro de 2024

    Integrantes da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) crearon a Rede de Arquivos Nacionais da institución (RAN-CPLP, polas súas siglas en portugués), que funcionará como instrumento de cooperación para preservar e divulgar o patrimonio histórico dos diferentes integrantes.

    Fonte: Sydney Silva

    30 de setembro de 2024

    O grupo RoViT da Universidade de Alacant desenvolveu a primeira plataforma de comunicación en tempo real entre a comunidade xorda e oínte que emprega a lingua de signos española (LSE). A aplicación, bidireccional e de uso sinxelo, permite a conversión de signos a texto e de texto ou voz a signos, o que facilita a interacción en contextos cotiáns sen intérprete. Cunha precisión do 95 %, só require un dispositivo con cámara.

    30 de setembro de 2024

    O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, anunciou un plan de formación en linguas oficiais para mil funcionarios da Administración Xeral do Estado en seis comunidades autónomas, co obxectivo de mellorar a atención ao público nas súas linguas propias. Ademais, avanzou a tradución dos contidos da sede electrónica do seu ministerio ás linguas cooficiais.

    30 de setembro de 2024

    A Área de Normalización Lingüística abriu unha nova convocatoria de axudas para fomentar o uso do galego en teses de doutoramento e traballos de fin de grao e de mestrado, cun total de 12 000 euros. Os importes variarán entre 600 euros para as mellores teses e 150 para os TFG e TFM. As solicitudes, que poderán facerse ata o 30 de setembro, deberán acreditar a realización do traballo en galego e unha cualificación mínima de 9 nos TFG e TFM.

    30 de setembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou o Día Internacional da Tradución co acto da entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXII edición recaeu en Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud.

    27 de setembro de 2024

    Actualmente existen en Macau 3000 alumnos e alumnas estudando portugués. Trátase de alumnado desde infantil até secundaria.

    Fonte: Plataforma Media

    27 de setembro de 2024

    Eduardo Llanquiman, estudante da Universidade de Chile, realizou un estudo centrado na preservación e revitalización do ckunsa (ou kunza), un idioma ancestral que se falaba no deserto de Atacama, norte de Chile.

    Fonte: Universidad de Chile

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder