Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de setembro de 2024

    A Comarca Alto Gállego publicou un mapa interactivo, accesible mediante un código QR, titulado "Topónimos de Serrablo", no que se recollen os nomes de fontes, camiños e montes de vinte localidades. O traballo, elaborado por Miguel López Otal, baséase en entrevistas realizadas nos anos setenta e oitenta a antigos habitantes da zona, o que permitiu rescatar así unha valiosa memoria lingüística e cultural. A iniciativa busca consolidar a lingua aragonesa conservada na toponimia local.

    27 de setembro de 2024

    O conselleiro de Política Lingüística, Francesc Xavier Vila, anunciou un plan para mellorar a aprendizaxe do catalán entre adultos que inclúe a creación de novos formatos de cursos, o aumento da oferta en horarios demandados e a colaboración con entidades locais e sociais. Este proxecto chega tras denuncias sobre dificultades de acceso aos cursos.

    27 de setembro de 2024

    A Asociación Cultural S.I.R. La Devesana organiza a exposición "Palabra e memoria nas parroquias de Ortigueira", na que o historiador Jerónimo Martínez documenta a evolución do uso do galego en inscricións funerarias de vinte cemiterios entre 1972 e 2024.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de setembro de 2024

    O 19 de setembro de 2024 inaugurouse oficialmente o Centro de Estudos Galegos na Universidade de Woxsen, o primeiro en Asia. Este proxecto, froito da colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta, promoverá intercambios científicos e culturais entre Galicia e a India. O centro estará dirixido polo profesor Anik Nandi, experto en sociolingüística galega, e na súa apertura participaron destacadas autoridades académicas e diplomáticas.

    27 de setembro de 2024

    Xa están dispoñibles as bases para os premios Youtubeiras+, que buscan fomentar a creación de contido en galego en YouTube e TikTok. Poden participar maiores de 14 anos con canles autoproducidas, sempre que a maioría dos seus vídeos estean en galego e inclúan un posterior ao 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras. O prazo de inscrición remata o 15 de novembro de 2024, e concederanse sete premios en metálico.

    27 de setembro de 2024

    Na sede da ONU, o primeiro ministro portugués, Luís Montenegro, defendeu a lexítima ambición de que o portugués se converta en lingua oficial desta organización.

    Fonte: ONU News

    27 de setembro de 2024

    A policía turca asaltou tres fundacións e librarías a prol da lingua kurda na provincia turca de Diyarbakır e detivo varios educadores despois de confiscar abondoso material, como libros, xornais ou revistas.

    Fonte: duvaR

    26 de setembro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou o modelo lingüístico existente en Galicia, que definiu como “cordial e integrador” e do que puxo en valor que “non xera conflitos” entre a sociedade galega. Así o defendeu tras a súa participación no Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado, celebrado na cidade valenciana de Alacant.

    26 de setembro de 2024

    A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana acusa o Principado de Asturias e a RTPA de proporcionar datos inexactos sobre a emisión en asturiano nos medios públicos, inflando as cifras presentadas ao Consello de Europa. Segundo a XDLA, o uso real do asturiano en TPA e RPA é moito menor, e denuncian a falta de contido en asturiano, especialmente na radio.

    26 de setembro de 2024

    O Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa destaca que, malia o bo sistema de protección lingüística en España, persisten carencias, sobre todo na xustiza, a administración estatal e os servizos públicos. A escasa aplicación das linguas minoritarias nestes ámbitos preocupa, especialmente pola baixa dispoñibilidade de persoal capacitado e o incumprimento nos procedementos xudiciais.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder