A Real Academia Galega culmina o ano dedicado a Luísa Villalta traducindo ao hindi oito poemas da súa obra Papagaio. A tradución, realizada por Vikash Kumar Singh, amplía o acceso á súa literatura a unha das maiores comunidades lingüísticas do mundo.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Arlef (Axencia Rexional para a Lingua Friulana) e outras entidades puxeron en marcha o primeiro exame de friulano que permitirá obter a certificación do nivel B, ou “intermedio”, segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, aprobado mediante Resolución do Consello de Europa en novembro de 2001.
Fonte: Friuli Oggi
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou na presentación das novidades de Xabarín.gal, unha nova plataforma de entretemento da CRTVG de contidos en galego dirixidos aos máis pequenos e pequenas coa que colabora o Goberno galego co obxecto, segundo salientou, “de incrementar o emprego da nosa lingua entre as xeracións máis novas”.
O Goberno vasco organizou en Donostia un acto no que se recoñeceron os progresos de entidades públicas e privadas na promoción do éuscaro. Grazas ao novo sistema de avaliación aprobado en 2023, ademais dos certificados Bikain engádense outros distintivos como os diplomas Harrobi, co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro no ámbito laboral, para contribuír ao benestar, á competitividade e á identidade internacional das empresas.
O Consello Navarro do Éuscaro revisou o proxecto de orzamentos de Euskarabidea para 2025, que inclúe un incremento do 11,6 % nas partidas para fomentar a lingua. O plan reforza programas propios e o apoio ás entidades sociais e locais, especialmente no ámbito educativo, cultural e tecnolóxico, e dáselle prioridade ao público novo. Tamén se impulsa a atención bilingüe na Administración e o uso do éuscaro no sector socioeconómico, así como os medios de comunicación.
Este curso de iniciación á lingua galega, organizado pola UNED de Pontevedra en colaboración co Concello de Ribadumia, está dirixido a público xeral sen coñecementos previos de galego. As sesións, de carácter presencial, desenvolveranse entre os meses de xaneiro e maio de 2025.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Un informe recente revela unha preocupante caída no número de estudantes en Escocia que estudan linguas modernas europeas desde 2001. Este descenso atribúese a cambios nas políticas educativas e á falta de prioridade no ensino de idiomas, o que xerou inquietude sobre as habilidades lingüísticas das novas xeracións e a súa conexión cultural con Europa.
Fonte: The Scottish Sun
A Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos albergou a presentación do Gran Dicionario Monlam da Lingua Tibetana, unha obra lexicográfica de 223 volumes que axudará a preservar o idioma tibetano fronte ás políticas de asimilación cultural promovidas por China.
Fonte: Radio Free Asia
Como cada 18 de decembro, as Nacións Unidas conmemoran en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Árabe, un dos idiomas oficiais deste organismo internacional. O lema deste ano é "Lingua Árabe e IA: Avanzando na innovación mentres se preserva o patrimonio cultural".
Fonte: United Nations
O Concello de Picassent asinou por primeira vez un convenio coa Academia Valenciana da Lingua para promover o uso e coñecemento do valenciano no municipio. O acordo inclúe accións en toponimia, comunicación e promoción lingüística, así como asesoramento ao persoal municipal e ás asociacións locais. Ademais, prevese o apoio á biblioteca municipal e outras iniciativas conxuntas para fomentar a lingua.
Boletín
Subscríbase ao boletín


