Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de agosto de 2011

    Ibaimusic.com reúne por primeira vez nun portal de internet toda a música feita en Euskadi, tanto en éuscaro coma en castelán, para a súa descarga.

    Fonte: Diario Vasco

    03 de agosto de 2011

    Os departamentos de Filoloxía Catalá e Lingüística Xeral da Universidade das Illas Baleares fixeron público un manifesto no que expresan a súa oposición ao peche de Radiotelevisión de Mallorca e advirten ao Consell que ten a obriga de cumprir coa Lei de normalización lingüística, que recolle o deber da Administración de promover o coñecemento e o desenvolvemento da lingua e cultura catalás nos medios de comunicación.

    Fonte: Telecinco

    03 de agosto de 2011

    O idioma galego ocupaba un importante espazo nas páxinas de Xornal de Galicia, que combinaba galego e castelán nas súas informacións. O peche deste periódico vén así sumarse á desaparición de Galicia Hoxe e doutros medios de comunicación co galego como lingua vehicular.

    Fonte: Radio Obradoiro

    03 de agosto de 2011

    O galego atópase entre o 2,4 % das linguas máis faladas do mundo. Supera o millón de falantes, como só 389 do total estimado de 6633 que se poden atopar no planeta. Fronte á moi asumida idea da homoxeneidade que os estados europeos propagaron, a diversidade lingüística é a realidade.

    Fonte: El Mundo

    03 de agosto de 2011

    Moita xente ignora os seus dereitos lingüísticos e non hai consciencia de que son as administracións as responsables de os facer cumprir. Estes son algúns dos apuntamentos que se extraen do documento co que se pretenden elaborar as conclusións do recente Curso de Dinamización Lingüística (Re)pensando o discurso que se celebrou en Carballo o pasado mes de xullo.

    Fonte: Culturagalega.org

    03 de agosto de 2011

    A directora executiva do Consello de Arte de Samoa Americana, Leala Pili, anima os pais a falar samoano na casa para mantelo vivo. Teme que se perda a lingua se os pais non lles falan aos seus fillos na súa lingua materna na casa.

    Fonte: Radio New Zealand International

    03 de agosto de 2011

    O ministro nixeriano de Turismo, Cultura e Orientación Nacional, Edem Duke, instou os nixerianos a conservar as súas linguas indíxenas fronte aos desafíos da influencia estranxeira e a globalización.

    Fonte: All Africa

    02 de agosto de 2011

    A Real Academia Española creou unha unidade para canalizar as críticas e propostas relacionadas co Dicionario, que serán estudadas de inmediato e incorporadas á edición dixital, se se consideran adecuadas.

    Fonte: La Voz de Galicia

    02 de agosto de 2011

    O número de materias que a Universidade Pública de Navarra imparte en éuscaro segue a súa tendencia ascendente de cara ao próximo curso, aínda que o ritmo de crecemento é moito menor que o rexistrado en 2010-2011. En concreto, a oferta de materias en éuscaro aumentará un 30%, ao pasar de 117 a 152.

    Fonte: Noticias de Navarra

    02 de agosto de 2011

    O Viceministro de Educación, Deporte, Arte e Cultura, Lazarus Dokora, é consciente de que as diferentes asociacións lingüísticas están a traballar en como realizar publicacións relevantes para a lectura.

    Fonte: The Herald

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder