Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de abril de 2011

    Un membro destacado do partido do pobo madhesi solicitou que o hindi sexa recoñecido como lingua franca dos habitantes de Terai, rexión nepalesa fronteiriza coa India, ante os temores de que se poida desencadear outra disputa lingüística no país.

    Fonte: DNA India

    11 de abril de 2011

    Os certificados de nivel de catalán da Comunidade Valenciana xa son válidos a nivel oficial nas Illas Baleares. Así, a quen teña, por exemplo, un nivel C1 avalado pola Xunta Cualificadora de Coñecementos do Valenciano, seralle recoñecido polas institucións do Goberno balear, algo que ata agora non pasaba.

    Fonte: levante-emv

    11 de abril de 2011

    O Principado aproveitará a reivindicación do asturiano no exterior para presentar un curso que pretende aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías e dar a coñecer este idioma entre os descendentes dos emigrantes asturianos.

    Fonte: La Región

    11 de abril de 2011

    A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, comprometeuse nun encontro co representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, a incluír a atención en galego como un requisito para a que sexa a próxima concesionaria de telefonía móbil na Cámara do Hórreo.

    Fonte: Galicia Hoxe

    11 de abril de 2011

    Un total de 600 actividades realizadas por toda Galicia para favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas. Este é o balance actual de Bocaberta 2010-2011, o programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    11 de abril de 2011

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na presentación do VI Premio Abrente para Textos Teatrais no Centro Comarcal do Ribeiro, no concello ourensán de Ribadavia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    10 de abril de 2011

    O número de estudantes dunha segunda lingua estranxeira no ensino secundario de Corea do Sur caeu con dureza despois de que as autoridades decidiran que non era necesario o seu estudo. Os datos gobernamentais ao respecto mostraron que a aprendizaxe do español diminuíu un 25,4 %, seguido polo francés (18,6 %), xaponés (17,5 %), chinés (13,3 %) e ruso (5,6 %).

    Fonte: Yonhap News

    10 de abril de 2011

    Malia os esforzos realizados polo Ministerio de Educación de Dinamarca por mellorar o programa de dinamarqués como segunda lingua, o estudo "Ethnic 2009" do Programa para a Avaliación Internacional de Alumnos (PISA) mostra que as diferenzas na competencia académica entre os alumnos de familias inmigrantes e os alumnos de orixe dinamarquesa mantiveron practicamente os mesmos niveis que os rexistrados no primeiro estudo deste tipo elaborado no ano 2000.

    Fonte: The Copenhagen Post

    10 de abril de 2011

    Senegal, país con estatuto de observador da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP), constitúe un caso sen paralelo no panorama do ensino do portugués fóra do mundo lusófono, xa que é estudado no ensino medio, secundario e superior.

    Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

    10 de abril de 2011

    Expertos cren que a lingua francesa non está en perigo no Líbano, a pesar do claro ascenso que experimentaron as escolas que empregan o inglés como lingua de instrución, e engaden que dous terzos dos alumnos do país son educados aínda en francés.

    Fonte: The Daily Star

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder