Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de abril de 2011

    Apenas o 25% dos 300 proxectos fin de carreira que se presentan cada ano na Universidade de Mondragón redáctase en éuscaro, a pesar de ser a lingua vehicular dos estudantes da universidade privada. O resto realízanse en castelán. Para incentivar o uso da lingua vasca, o centro premiará con 2.000 euros o mellor proxecto fin de carreira presentado en éuscaro.

    Fonte: El País

    05 de abril de 2011

    Alemaña quere que as comunidades autónomas faciliten a aprendizaxe do seu idioma nos centros públicos de educación secundaria en España para que o ámbito lingüístico estea en consonancia co bo nivel das relacións políticas, económicas e culturais entre ambos os países.

    Fonte: ADN

    05 de abril de 2011

    Alumnos e docentes indíxenas da etnia huasteca (ou téenek) recibiron 1.940 computadores no estado mexicano de San Luis de Potosí. Isto foi posible grazas a un proxecto piloto introducido a nivel nacional que incorpora á educación indíxena as tecnoloxías da información e a comunicación como ferramenta para preservar as linguas maternas.

    Fonte: El Sol de San Luis

    04 de abril de 2011

    De acordo cos resultados do último censo de poboación e vivenda realizado polo Instituto Nacional de Estatística e Xeografía, 7,9 millóns de persoas en México falan unha lingua indíxena.

    Fonte: El Siglo de Durango

    04 de abril de 2011

    O sindicato provincial de ensino de CCOO de Córdoba esixiu a aprobación da lei de lingua de signos de Andalucía, cuxo anteproxecto se elaborou no 2009.

    Fonte: Diario de Córdoba

    04 de abril de 2011

    A día de hoxe, o 95% dos cidadáns de Cataluña entende o catalán, aínda que só o 77% sabe falalo e apenas o 60% o sabe escribir. Pero, en cambio, é extremadamente importante o dato de que entre os novos de 14 a 19 anos, a porcentaxe dos que entenden, falan e escriben catalán é do 97%, practicamente o total dos comprendidos nesa franxa de idade.

    Fonte: La Vanguardia

    04 de abril de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, na promoción do uso do galego.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de abril de 2011

    O novo regulamento sobre a función pública nos rexistros civís do departamento boliviano de Cochabamba esixirá aos novos funcionarios o dominio de dúas linguas: o español e a lingua vernácula da rexión en cuestión.

    Fonte: Opinión

    03 de abril de 2011

    En Suíza, os inmigrantes que non falan as linguas nacionais atópanse con problemas á hora de buscar atención sanitaria. Co fin de resolver estas eivas de comunicación, un proxecto piloto ofrecerá un servizo de interpretación telefónico para emerxencias médicas ou para orientacións breves. Os intérpretes estarán capacitados para traducir de 12 linguas estranxeiras cara ás tres linguas oficiais de Suíza (alemán, francés e italiano) e viceversa.

    Fonte: Swissinfo

    02 de abril de 2011

    O Principiño, obra escrita por Antoine de Saint-Exupéry, xa conta con tradución en mirandés. O título da edición mirandesa é L Princepico. De acordo coa editorial francesa Gallimard, trátase "do libro máis traducido en todo o mundo despois da Biblia", con versións "en preto de 200 linguas ou máis, incluíndo dialectos europeos, asiáticos e africanos".

    Fonte: Jornal Digital

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder