O ministro de Educación Superior e Formación de Suráfrica, Blade Nzimande, propuxo que os estudantes universitarios deban estudar unha lingua africana como requisito para a súa graduación. Mentres que este plan foi ben recibido polos académicos especializados en linguas, algunhas persoas están preocupadas ante a posible incapacidade dos estudantes para aprender unha lingua descoñecida a nivel superior. Consideran que, no seu lugar, sería mellor introducir linguas indíxenas africanas na escola primaria.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O plan para a apertura dunha nova escola de lingua galesa para nenos entre os 11 e os 14 anos recibiu o apoio dos membros do condado de Caerphilly, no sur de Gales. A iniciativa é parte dun proxecto de 10 millóns de libras esterlinas que pretende reexaminar a educación en lingua galesa no condado cuxa demanda medrou nos últimos anos.
Fonte: BBC News
A Deputación de Guipúscoa e a Elhuyar Fundazioa subscribiron un acordo para analizar a posible constitución dun centro de investigación para a industria das linguas, que abrangue desde a tradución, ata a educación, a creación de contidos e as novas tecnoloxías.
Fonte: ABC
Graus volverá acoller, entre o xoves día 14 e o domingo 17 de abril, as Xornadas de Linguas do Pireneo, que acadan este ano a súa décima edición.
Fonte: Diario del Alto Aragón
O lector de libros electrónicos bq Avant de Mundo Reader acaba de recibir unha actualización do seu firmware que o sitúa como o primeiro que ofrece galego, catalán e vasco como idiomas de usuario.
O servizo vía web Opentrad, capaz de traducir textos en galego, español, portugués, inglés, francés e catalán de xeito automático, incorpora unha nova funcionalidade consistente na tradución de documentos en distintos formatos (.DOC, .DOCX, .PPTX, .XLSX, .ODT, .HTML, .XML e .TXT) mantendo o formato e estilo orixinais.
Fonte: Código Cero
A competencia do profesor de español como lingua estranxeira será a temática sobre a que xirará a terceira edición dos Encontros ELE Comillas, que se celebrarán entre o 10 e o 12 de novembro.
Fonte: 20 minutos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a investigación sobre lingua galega a través da convocatoria de bolsas de formación en proxectos que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Fonte: Xunta de Galicia
A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a competencia en galego do funcionariado cunha nova oferta de formación en linguaxe administrativa galega. A través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o departamento que dirixe Anxo Lorenzo convoca cinco cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio na modalidade de teleformación e cinco cursos de linguaxe administrativa galega de nivel superior na modalidade presencial.
Fonte: Xunta de Galicia
O Instituto Etxepare, responsable da promoción da lingua e a cultura vascas no exterior, creará sete novos postos de lectores universitarios de éuscaro. Tres dos postos habilitaranse en universidades dos Estados Unidos (Stanford, California e Chicago) e o resto distribuirase en cidades europeas como París, Constanza, Liverpool e unha cidade en Polonia.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase ao boletín
