Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de xaneiro de 2011

    O goberno do Territorio Norte de Australia defende a política de obrigar a todas as escolas a impartir as catro primeiras horas do día en inglés malia un descenso da asistencia entre os estudantes indíxenas. Os defensores da educación bilingüe atribúen o descenso a esta política introducida en xaneiro de 2009 que tiña como obxectivo incrementar os coñecementos e a alfabetización en inglés do alumnado.

    17 de xaneiro de 2011

    O BNG instou o Goberno galego a adoptar as medidas necesarias para posibilitar a recepción do sinal de radiotelevisión portuguesa en Galicia a través da TDT, co fin de avanzar cara á "reintegración lingüística" no mundo galego-portugués como factor "normalizador" da lingua galega.

    Fonte: Europa Press

    17 de xaneiro de 2011

    O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, instou a Xunta de Galicia a alcanzar acordos coas autoridades do Principado de Asturias para protexer e fomentar o uso do galego nas comarcas transfronteirizas da comunidade, como as do Eo-Navia.

    Fonte: El Progreso

    17 de xaneiro de 2011

    A Real Academia Española (RAE) e a Obra Social de La Caixa crearon unha biblioteca clásica que reunirá 111 títulos da literatura en español, desde o Cantar del Mío Cid ata Los Pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. A colección estará coordinada polo académico e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Francisco Rico.

    Fonte: La Vanguardia

    17 de xaneiro de 2011

    Co fin de fomentar a competencia en galego da sociedade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoveu en 2010 un total de 301 cursos preparatorios para obter a certificación oficial de coñecemento de galego (Celga) e tamén de formación específica para os profesionais ao servizo das distintas administracións, dos que se beneficiaron 5.371 persoas.

    Fonte: Xunta de Galicia

    16 de xaneiro de 2011

    Os municipios en cuestión enviarán unha solicitude ao Ministerio de Educación de Finlandia para que se lles dispense da aprendizaxe do sueco. No seu lugar, o alumnado podería escoller entre o sueco e o ruso. Este último parece ser moito máis útil que o sueco na rexión, dada a proximidade coa veciña Rusia.

    Fonte: YLE.fi

    15 de xaneiro de 2011

    O estado de Kerala na India reclama a consideración de lingua clásica para o malabar a través dun comité de expertos creado polo goberno do estado que afirma que a lingua cumpre todos os requisitos para recibir tan cobizada distinción. O malabar, con máis de 30 millóns de falantes, é a única lingua do sur da India que non conta con este recoñecemento do que xa gozan linguas como o támil, o telugú ou o canarés.

    Fonte: One India news

    15 de xaneiro de 2011

    Dúas escolas de Manukau (Nova Zelandia) únense para crear un novo centro de ensino secundario, o Kia Aroha College, que ofrecerá educación bilingüe en maorí, samoano, tongano e maorí das Illas Cook a alumnos de entre 10 e 17 anos.

    Fonte: The Aucklander

    15 de xaneiro de 2011

    Na súa busca de mellores oportunidades laborais, un maior número de rapazas e rapaces francófonos asiste a centros de ensino superior anglófonos, o que constitúe unha ameaza para o francés como “lingua común da sociedade quebequesa”. Esta é a conclusión dun estudo realizado pola Central de Sindicatos do Quebec (CSQ), o sindicato que representa a maioría dos profesores desta provincia canadense.

    14 de xaneiro de 2011

    A Fundación Comillas editou o libro “O español, lingua de comunicación nas organizacións empresariais”, que será presentado nun acto co que a entidade retoma o seu calendario de actividades.

    Fonte: Europa Press

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder