Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de outubro de 2024

    O Centro de Linguas da Universidade do Miño (BabeliUM) ofrece este semestre cursos de seis linguas estranxeiras: alemán, galego, francés, español, inglés e italiano.

    Fonte: Jornal Vilaverdense

    25 de outubro de 2024

    A cuarta edición de Euskaraldia celebrarase en maio de 2025 coa intención de transformar a iniciativa nun movemento sostido para activar o uso do éuscaro. Co lema “Elkar mugituz egingo dugu”, preténdese fortalecer o compromiso cidadán e estender o hábito de empregar esta lingua desde as interaccións cotiás. Esta edición anima a superar as inercias lingüísticas, procurando un efecto multiplicador entre milleiros de persoas..

    25 de outubro de 2024

    Os parlamentos das comunidades indíxenas de Suecia, Finlandia e Noruega alertaron que algunhas linguas saami poderían verse moi ameazadas en caso de que os Gobernos de Estocolmo e Helsinqui decidan acabar co financiamento dedicado á súa preservación.

    Fonte: The Guardian

    25 de outubro de 2024

    A campaña “Polos teus dereitos lingüísticos” busca darlle visibilidade ao traballo que realiza esta organización en defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    25 de outubro de 2024

    O Servizo de Normalización Lingüística publicou tres estudos coa microtoponimia das parroquias de Cesantes, Chapela e Ventosela, elaborados no marco do proxecto de recuperación do patrimonio inmaterial que veñen desenvolvendo desde hai tres anos.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    25 de outubro de 2024

    O Parlamento de Letonia aprobou mudanzas importantes na Lei de Ensino Superior e permitirá que persoal académico estranxeiro poida traballar durante seis anos sen demostrar coñecementos na lingua letoa.

    Fonte: Schengen News

    25 de outubro de 2024

    O Goberno de Andorra aprobou as primeiras autorizacións de residencia e traballo onde será obrigatorio acreditar o coñecemento da lingua catalá. O executivo andorrano tamén revelou que a partir de xaneiro multará os comercios que non empreguen a lingua oficial.

    Fonte: Diari de la Llengua

    24 de outubro de 2024

    A Xunta propúxolles aos grupos parlamentarios actualizar o Plan de Normalización da Lingua Galega, vixente desde 2004, mediante sete grupos de traballo de especialistas que deseñen políticas lingüísticas a longo prazo. O conselleiro José López Campos subliñou a importancia dun pacto social para reforzar o uso do galego, especialmente entre a mocidade, persoas recentemente chegadas a Galicia e no ámbito tecnolóxico.

    24 de outubro de 2024

    O uso do éuscaro está en retroceso nas zonas urbanas do País Vasco. Segundo Eustat, o 43,3 % da poboación utiliza esta lingua de maneira preferente ou exclusiva. En Vitoria, só o 2,5 % das persoas fala principalmente en éuscaro, mentres que en Bilbao esta cifra é do 3,6 %. En San Sebastián, a porcentaxe increméntase, xa que o 14,1 % da poboación emprega o éuscaro como lingua principal.

    24 de outubro de 2024

    A plataforma Queremos Galego organiza un acto o vindeiro 17 de novembro baixo o lema «Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego» en resposta aos datos sobre o uso e o coñecemento da lingua galega publicados polo IGE.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder