Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de outubro de 2024

    A BBC presentou a serie Crá, gravada integramente en gaélico irlandés. A produción foi posible grazas a unha colaboración entre as canles TG4 e a BBC de Irlanda do Norte.

    Fonte: JOE 

    30 de outubro de 2024

    O Departamento de Política Lingüística de Cataluña ampliou o proxecto «Camins del català» co lanzamento de catro novas rutas lingüísticas destinadas a promover o coñecemento das variantes do catalán en distintos territorios. A documentación, dispoñible en formato PDF na web do proxecto, inclúe audioguías e un mapa interactivo, e está concibida para facilitar a aprendizaxe da lingua e ampliar o interese pola cultura catalá.

    30 de outubro de 2024

    Euskarabidea, o Instituto Navarro do Éuscaro, organiza o Gora-Gora Fest! 2024, un ciclo cultural que levará nove espectáculos en éuscaro a 55 localidades de Navarra entre novembro e decembro. Este evento, dirixido especialmente a nenos, nenas e familias, inclúe contacontos, teatro, danza e maxia, todos de balde e co propósito de achegar a cultura en éuscaro a zonas onde habitualmente non hai programación nesta lingua.

    30 de outubro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou na Biblioteca de Galicia a exposición «Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego».

    30 de outubro de 2024

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por darlles un maior impulso ás relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos e defendeu que Galicia cumpre todas as condicións para exercer un papel relevante como “ponte” entre o mundo lusófono e os países hispanos.

    29 de outubro de 2024

    Un grupo de investigadores do estado brasileiro de Amazonas crea a aplicación gratuíta Linklado que permite escribir e divulgar textos e libros en 40 linguas indíxenas.

    Fonte: A Crítica

    29 de outubro de 2024

    Con motivo das celebracións do quinto Centenario do Nacemento de Camões, os Centros de Lingua Portuguesa de Maputo, Mozambique, organizan as "Olimpíadas Camonianas", un concurso sobre a vida e obra do literato portugués.

    Fonte: O País

    29 de outubro de 2024

    A oferta de cursos de catalán do Consorci per a Normalització Lingüística (CPNL) resulta insuficiente ante a crecente demanda, xa que máis de 9000 persoas están en lista de agarda en 2024, en especial para o nivel básico. A situación agravouse coa chegada de nova poboación, que incrementou as solicitudes sen que se incrementasen os recursos proporcionalmente.

    29 de outubro de 2024

    O Departamento de Saúde do Goberno Vasco e a UPV/EHU acordaron aumentar en 40 as prazas de Medicina en éuscaro no curso 2025/2026, co obxectivo de fortalecer o sistema sanitario e equilibrar a oferta entre ambas as linguas. Actualmente, as prazas en castelán ascenden a 200, mentres que en éuscaro son 168.

    29 de outubro de 2024

    A Asociación de Tradución e Adaptación Audiovisual de España (ATRAE) premiou as mellores traducións en catalán, éuscaro e galego na súa XII edición, co obxectivo de destacar a diversidade lingüística no ámbito audiovisual.

    Fonte: Siglo XXI

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder