Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de agosto de 2009

    O colectivo Fala Ceibe do Bierzo informa de que a desaparición da televisión analóxica impedirá ver as actuais emisións da Televisión Pública Galega (TVG) no Bierzo. Durante anos os bercianos puideron gozar da programación en lingua galega desta canle, o único medio de comunicación televisivo que os galegofalantes desta zona leonesa podían ver neste idioma, o que serviu para fomentar e prestixiar a lingua.

    Fonte: O Bierzo Ceibe

    20 de agosto de 2009

    A asesora educativa da Federación de Persoas Xordas de Cantabria, Cristina Assal, destacou, durante a celebración do curso "Comunicación básica en lingua de signos española" que se celebra en Cantabria, o papel de factores como a expresión facial, o movemento corporal ou a vocalización na lingua de signos.

    Fonte: El Correo Gallego

    20 de agosto de 2009

    Desde hai anos, practicamente coa posta en marcha do portal en internet de turismo rural da Junta de Castilla y León os empresarios do sector apuntaron a necesidade de divulgar con eficacia esta ferramenta. Neste aspecto, o presidente de Acaltur, Javier Herrera, lamenta que as páxinas web de turismo rural da rexión apenas «están en inglés», por non falar doutras linguas.

    Fonte: ABC

    20 de agosto de 2009

    A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia colaborará coa rede de bibliotecas da cidade de Bos Aires na creación dunha sección do libro galego, co fin de difundir e promover o idioma e a literatura da comunidade en Arxentina.

    Fonte: Europa Press

    20 de agosto de 2009

    Os cerebros dos nenos bilingües deben realizar moitos menos esforzos para efectuar cálculos simples que os dos nenos que dominan unha soa lingua, segundo a Vrije Universiteit Brussel (Universidade Libre de Bruxelas).

    Fonte: RTL Info

    20 de agosto de 2009

    Anunciárase que o guaraní sería unha das linguas oficiais do Mercosur, xunto co español e o portugués. Porén, os mandatarios dos países membros do bloque non rubricaron a resolución aprobada polo Parlasur (Parlamento do Mercosur), o pasado 28 de abril, que elevaría efectivamente o guaraní ao rango de idioma oficial do Mercosur.

    Fonte: Última Hora

    19 de agosto de 2009

    O Fórum Metropolitano da Coruña acolle as II Xornadas de Mangalego co obxectivo de promover a participación da xuventude e achegar o idioma galego ás novas xeracións a través de series e películas manga.

    Fonte: Galicia Hoxe

    19 de agosto de 2009

    Hai dous anos, o Padroado de Éuscaro de San Sebastián comezou a ofertar cursos específicos para comerciantes e hostaleiros. O obxectivo era que puidesen atender a súa clientela nesta lingua, pero tamén que fosen conscientes do valor engadido que o éuscaro supón para os seus negocios e a calidade do servizo. Desde entón, douscentos comerciantes pasaron por estes cursos.

    Fonte: Diario Vasco

    19 de agosto de 2009

    A metade dos concellos de Asturias concluíu xa a recuperación dos seus topónimos tradicionais. A estes 39 municipios, que finalizaron a revisión da súa toponimia, súmanse outros 20 que teñen aberto o proceso para restaurar os nomes populares e tradicionais do seu contorno.

    Fonte: La Nueva España

    19 de agosto de 2009

    O Concello de Lena continúa co seu compromiso en favor do uso do asturiano no municipio e, neste sentido, desde a concellería de Política Lingüística, dirixida por David Suárez, xa se está a traballar en novos proxectos que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses.

    Fonte: La Nueva España

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder