Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de agosto de 2009

    Co obxectivo de «poñer nun primeiro plano político e social» a lingua e a cultura catalás, Acción Cultural de Menorca renaceu en Ciutadella. A entidade, que xa funcionou de 1996 a 1998, inicia de novo a súa andaina con renovados obxectivos e algunhas das reivindicacións de sempre.

    Fonte: Última Hora

    11 de agosto de 2009

    Nenos de 14 comunidades indíxenas pech, do departamento de Olancho (Honduras), están sendo protagonistas do rescate e valorización da súa lingua materna, o pech, grazas á implementación do programa educativo Educación Intercultural Bilingüe no que os escolares aprenden a ler e escribir en español e pech.

    Fonte: El Heraldo

    11 de agosto de 2009

    O Goberno de Australia destinará este ano 8 millóns de dólares adicionais para axudar a preservar máis de cen idiomas das tribos aborixes en grave perigo de desaparecer.

    Fonte: EFE

    10 de agosto de 2009

    O Grupo Municipal do PP no Concello da Coruña acusou o goberno municipal bipartito de “descoidar” a proxección turística da cidade e de mostrar “escasa sensibilidade” cara aos turistas que a visitan por non ofrecerlles máis folletos en castelán.

    Fonte: Xornal.com

    10 de agosto de 2009

    Un total de 50.000 artigos é a cifra de entradas que acadou a Galipedia, a versión galega da Wikipedia, o pasado 23 de xullo. Esta ferramenta de difusión cultural en galego alcanzou dende o seu nacemento, en marzo de 2003, unha serie de marcas que demostran o pulo que adquiriu nos últimos seis anos e a súa potencialidade de cara ao futuro.

    Fonte: Xornal.com

    10 de agosto de 2009

    O español substituíu o alemán como a segunda lingua estranxeira máis popular nas escolas escocesas. O número de alumnos que estuda español avanzado aumentou case un 3 % ata chegar á cifra de 1364 este ano, mentres que o alemán contou con 1261 alumnos.

    Fonte: Sunday Mail

    10 de agosto de 2009

    Máis de 5.000 artigos, 16.000 edicións, 36 colaboradores rexistrados e 61.000 visitas son as cifras dos primeiros compases de vida da Llionpedia, o punto de referencia da lingua leonesa en internet.

    Fonte: Leonoticias

    10 de agosto de 2009

    O parlamentario do PNV Luke Uribe-Etxebarria pediulle ao director de EITB, Alberto Surio, que os partidos de fútbol correspondentes á Liga de Campións, que retransmitirá esta tempada a televisión pública vasca, se emitan pola canle ETB-1 e en éuscaro.

    Fonte: Qué!

    10 de agosto de 2009

    Para o curso 2009-2010 alumnos de educación primaria en Castela e León poderán elixir o portugués como segunda lingua estranxeira, equiparándoo ao francés ou o alemán.

    Fonte: Leonoticias

    10 de agosto de 2009

    Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), nunhas poucas xeracións poderían desaparecer máis do 50 % das aproximadamente 7.000 linguas que se falan no mundo actualmente, das que máis de 5.000 son linguas indíxenas.

    Fonte: Galiciaé

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder