Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de xullo de 2009

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na clausura do IX Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que se desenvolveu desde o 13 ao 17 de xullo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña. Durante o acto, que tivo lugar no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, Anxo Lorenzo gabou a calidade e diversidade dos estudos galegos no momento actual.

    Fonte: Xunta de Galicia

    21 de xullo de 2009

    O conselleiro de Educación valenciano, Alejandro Font de Mora, destacou que o seu departamento investirá un total de 2.969.000 euros este ano para levar a cabo diferentes iniciativas de promoción do uso do valenciano, tanto nas institucións, coma no "día a día" da vida social da Comunidade Valenciana.

    Fonte: Diario Crítico de la Comunitat Valenciana

    20 de xullo de 2009

    Izasku Bilbao comezou en éuscaro a súa primeira intervención ante o Parlamento Europeo. A eurodeputada do Partido Nacionalista Vasco quixo así reclamar a oficialidade do vasco na cámara.

    Fonte: COPE

    20 de xullo de 2009

    O galego non goza de boa saúde no ensino superior. As tres universidades galegas recoñéceno como lingua propia e comprométense a potencialo, pero os poucos datos dispoñibles presentan un panorama pouco alentador.

    Fonte: Xornal

    20 de xullo de 2009

    A Real Academia da Lingua Vasca / Euskaltzaindia celebrou en Bilbao o seu 90 aniversario cun acto académico na súa sede, ao que acudiron como invitados representantes da Real Academia Española, da Real Academia Galega e da Secció Filològica do Institut d'Estudis Catalans.

    Fonte: Europa Press

    20 de xullo de 2009

    Aínda existe marxe para mellorar o número de documentos traducidos ao alemán polas institucións europeas, a pesar do recente aumento no número de funcionarios alemáns na Unión Europea que empregan a súa lingua nativa profesionalmente, segundo afirmou a directora do Instituto Goethe de Bruxelas, Margareta Hauschild, a EurActiv nunha entrevista.

    Fonte: EurActiv

    20 de xullo de 2009

    O español é o idioma oficial de Colombia, pero subsisten, ademais, arredor de sesenta linguas nativas que non foron abolidas pola presenza española, segundo destacaron en Madrid diversas personalidades ligadas ao estudo da lingua e da historia colombiana.

    Fonte: ADN

    20 de xullo de 2009

    O catalán volveu aumentar nas Baleares como lingua empregada para responder os exames da Selectividade. Un 77,2 % das probas realizadas no pasado mes de xuño respondeuse nesta lingua, feito que supón un incremento do 0,4 % respecto do ano pasado, cando foi un 76,8 %.

    Fonte: DBalears

    17 de xullo de 2009

    Un total de 126 universidades estranxeiras, de 33 países diferentes, ofrecerá estudos en catalán o curso 2009-2010 grazas á subvención do Institut Ramon Llull (IRL), que aumentou estes convenios en catro centros máis, e gastará 1,8 millóns de euros.

    Fonte: Europa Press

    17 de xullo de 2009

    Os alumnos de educación primaria de Irlanda do Norte poderán recibir clases de polaco a partir de setembro. O Ministerio de Educación afirmou que 25 escolas xa optaron por ofrecer clases para os nenos ata o cuarto curso de primaria.

    Fonte: BBC News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder