Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xullo de 2009

    Un total de 1.316 persoas conseguiu o Certificado de lingua galega (Celga) a través das probas realizadas o pasado mes de maio na Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense e noutras cidades do resto de España e Europa.

    Fonte: Xunta de Galicia

    24 de xullo de 2009

    O Celta de Vigo acaba de dar un paso importante cara á mellora da súa comunicación co mundo a través de internet: acaba de incluír a lingua galega na súa nova páxina web. A aposta polo galego inclúese nun feixe de actuacións do Club encamiñadas a desenvolver e ampliar ata onde sexa posible a presenza en liña desta lingua.

    Fonte: Código Cero

    24 de xullo de 2009

    Esta plataforma está integrada, nun principio, por 40 entidades sociais, e aspira a impulsar unha iniciativa lexislativa popular que garanta os dereitos lingüísticos do pobo galego e convocar unha manifestación nacional no outono.

    Fonte: Vieiros

    24 de xullo de 2009

    A canle de televisión emitirá clases semanais de lingua xeorxiana para a poboación de Acerbaixán, segundo informou Internews Georgia. A canle de televisión de Marneuli, que abrangue varios distritos da rexión Kvemo Kartli poboada por azerbaixanos, lanzará este novo proxecto en outubro.

    Fonte: Today

    24 de xullo de 2009

    O Departamento vasco de Educación descartou impartir materias unicamente en éuscaro aos alumnos que estudan no modelo A. A conselleira Isabel Celaá anunciou esta idea a finais de xuño, para permitir que os estudantes que cursan todas as materias en castelán puidesen alcanzar maior desenvoltura en lingua vasca.

    Fonte: 20 minutos

    24 de xullo de 2009

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, asinaron o convenio de colaboración entre as dúas entidades que ten por obxecto impulsar a investigación científica sobre o galego a través do Instituto da Lingua Galega (ILG).

    Fonte: Xunta de Galicia

    23 de xullo de 2009

    Un caso recente de prevención forzosa aos candidatos sobre o uso da lingua tibetana nuns exames no Tíbet deixou claramente ao descuberto a política do Goberno chinés de impoñer o uso da lingua chinesa para marxinar a lingua tradicional dos tibetanos e a negación da igualdade de dereitos nas nacionalidades do Tíbet, segundo afirmaron fontes do Tíbet.

    Fonte: TibetCustom

    23 de xullo de 2009

    Acción Cultural do País Valenciano anunciou un recurso contra a supresión do valenciano como requisito para acceder a un posto de funcionario no Concello de Ontinyent, que a alcaldesa Lina Insa anunciara en marzo.

    Fonte: Las Provincias

    23 de xullo de 2009

    O valedor do pobo, Benigno López, envioulle unha «suxestión» á Consellería de Sanidade, na que insta a «estudar a conveniencia de realizar todas as campañas informativas que a Administración sanitaria desenvolve coa finalidade de dar información aos particulares, e para chegar a un máximo de destinatarios, en ambas as linguas oficiais da comunidade autónoma galega».

    Fonte: La Voz de Galicia

    23 de xullo de 2009

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, realizou a súa primeira visita institucional ao concello de Celanova e á Fundación Curros Enríquez. Lorenzo comentou co alcalde, Antonio Mouriño, e co técnico de Cultura, Antonio Piñeiro, a posibilidade de establecer unha colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Celanova a partir de iniciativas que incidan na promoción do uso da lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder