Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de xullo de 2009

    O Boletín Oficial do País Vasco (BOPV) recolle unha orde do Departamento de Educación do Goberno vasco que suspende o apartado da normativa aprobada polo anterior Executivo que establecía o éuscaro como principal lingua vehicular no ámbito escolar.

    Fonte: Europa Press

    23 de xullo de 2009

    A directora xeral de Política Lingüística do Goberno balear, Margalida Tous, presentou en Menorca a campaña "Ara és la teva. Atén en català" (Agora é a túa. Atende en catalán), que pretende promover a lingua catalá no sector da restauración.

    Fonte: Europa Press

    22 de xullo de 2009

    O corso non será declarado lingua oficial de Córsega, polo menos de momento. 28 dos 51 deputados da Asemblea da illa rexeitaron unha moción presentada por Corsica Nazione Indipendente (CNI) para que o corso fose equiparado ao francés dentro de Córsega.

    Fonte: Móndivers

    22 de xullo de 2009

    A Asociación de Escritores en Lingua Galega acaba de elaborar un comunicado “ante a creba do proceso de restitución” do idioma “impulsada polo actual goberno galego”. Será lido o 24 de xullo diante da estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago de Compostela.

    Fonte: A Nosa Terra

    22 de xullo de 2009

    Unhas poucas frases en catalán, galego e éuscaro ao comezo de cada intervención é o que piden os grupos nacionalistas do Congreso como "símbolo" de recoñecemento de que, ademais do castelán, hai outras linguas oficiais en España.

    Fonte: El País

    22 de xullo de 2009

    Nos próximos días darán comezo dous cursos de formación de profesorado de lingua galega e mais de avaliadores Celga (Certificado de lingua galega), organizados conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Cursos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela.

    Fonte: Xunta de Galicia

    22 de xullo de 2009

    O Goberno catalán aprobou o proxecto de lei da lingua de signos catalá que regulará o ensino, a aprendizaxe e a súa interpretación co fin de garantir o seu uso entre o colectivo de persoas xordas que queira utilizala.

    Fonte: Europa Press

    21 de xullo de 2009

    O conselleiro de Educación, Formación e Emprego, Constantino Sotoca, deu a coñecer os nomes dos 25 colexios da Rexión de Murcia que iniciarán en setembro o ensino bilingüe en inglés, grazas ao programa Colexios Bilingües Rexión de Murcia, co que máis de mil alumnos de primaria recibirán a terceira parte das súas clases neste idioma.

    Fonte: Europa Press

    21 de xullo de 2009

    Os grupos políticos presentes no Parlamento de Hungría asinaron unha declaración conxunta na que apelan a veciña Eslovaquia a revocar a nova lei sobre o uso da lingua. Dado que afirman que a lei é parcial e vai contra a minoría étnica húngara e outras, todo o espectro parlamentario de Hungría acordou que a lei violaba o tratado básico existente entre os dous países, así como outros acordos internacionais, e que é contraria aos esforzos da Unión Europea por promover a diversidade cultural.

    21 de xullo de 2009

    O Goberno español destinou casi 8,5 millóns de euros ás academias das linguas cooficiais desde 2004. A máis beneficiada foi a institución catalá, que recibiu cerca de cinco millóns, case o 60 por cento do total das partidas.

    Fonte: Europa Press

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder