Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de xuño de 2009

    Xente nova aimará, kichwa, jaqaru e quechua de Bolivia, Ecuador e Perú alertaron sobre o risco de desaparición das súas linguas e pediron medidas efectivas para o seu respecto e protección durante o Encontro Intercultural de Oratoria Indíxena 'Voces Andinas' que se celebrou en Lima.

    Fonte: Terra

    16 de xuño de 2009

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na celebración en Abadín do centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño. Na súa intervención, Anxo Lorenzo encomiou o traballo realizado polo finado escritor lucense en prol do idioma e a cultura de Galicia. Ademais, o secretario xeral apostou por unha política lingüística que, “sendo diferente das anteriores, estea baseada na promoción activa e multidimensional do galego”.

    Fonte: Xunta de Galicia

    15 de xuño de 2009

    O comisario de Multilingüismo da Comisión Europea, Leonard Orban, visitará Canarias o próximo 25 de xuño para comprobar a dimensión do asubío gomero en Canarias, así como para coñecer directamente as especificidades da linguaxe asubiada e a súa implantación no sistema educativo canario.

    Fonte: Gobierno de Canarias

    15 de xuño de 2009

    Os formularios para a consulta sobre a lingua no ensino xa están dispoñibles na práctica totalidade dos centros de infantil, primaria, secundaria e formación profesional da comunidade. A repartición concluirá o luns 15 de xuño despois de que nos dous primeiros días os impresos chegasen a máis do 90 % dos 1490 centros que forman parte deste proceso.

    Fonte: Xunta de Galicia

    15 de xuño de 2009

    Os escolares de Castela e León poderán aprender alemán desde o primeiro curso de primaria se se atopan matriculados nun dos centros que ofrece esta lingua como segundo idioma, tal e como establece o protocolo de colaboración subscrito por Juan José Mateos, conselleiro de Educación, e Nikky Keilholz-Rühle, directora do Instituto Goethe en Madrid.

    Fonte: Salamanca 24 Horas

    15 de xuño de 2009

    O Diario Oficial da Comunidade Valenciana (DOCV) publicou a orde da Consellería de Educación pola que se establece a organización e estrutura do programa experimental plurilingüe que permitirá que a partir do próximo curso 2009-2010 algúns colexios públicos da Comunidade impartan o 80 % das ensinanzas en inglés, mentres que o 20 % restante se dará en castelán e valenciano.

    15 de xuño de 2009

    Pobal, a organización de control da lingua irlandesa, instou o Comité de Ministros do Consello de Europa a tomar inmediatamente medidas para a protección e a promoción da lingua irlandesa en Irlanda do Norte, tendo en conta a recente publicación do informe do Reino Unido sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

    Fonte: Eurolang

    12 de xuño de 2009

    Os sindicatos CIG, UXT e CC OO mobilizaranse ante o Parlamento de Galicia o próximo 23 de xuño para esixir que non se modifique o artigo 35 da Lei da función pública e que se manteña a obrigatoriedade de realizar unha ou máis probas das oposicións en galego.

    Fonte: Galicia Hoxe

    12 de xuño de 2009

    O Consello da Xunta aproba o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para continuar este ano cun programa de actuacións en materia de investigación lingüística.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de xuño de 2009

    Un informe do Observatorio da Lingua Catalá e a Rede Cruscat (Coñecementos, Representacións e Usos do Catalán) do Instituto de Estudos Cataláns recoñece avances en Cataluña no uso social do catalán, aínda que alerta da súa deterioración, sobre todo nas grandes cidades valencianas.

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder