Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de xuño de 2009

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver a convocatoria de subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega. Esta liña de axudas ten como obxectivo prioritario fomentar os usos do galego nas áreas de transmisión familiar e da mocidade que desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    08 de xuño de 2009

    Con 1.500 tradutores e intérpretes, o Europarlamento é o organismo de todo o mundo con máis persoal dedicado a este fin. Ademais, actualmente, os 27 países membro manexan un total de 23 linguas.

    Fonte: El Correo Gallego

    08 de xuño de 2009

    O Colexio de Médicos de Madrid esixe que os profesionais de fala non hispana certifiquen un coñecemento de español "suficiente". Esta organización asegura que un de cada tres colexiados en Madrid no último ano é estranxeiro, dos que o 20 % é de fala non hispana. E engaden que moitos destes facultativos non teñen os coñecementos necesarios de español para desenvolver o seu traballo.

    Fonte: El País

    08 de xuño de 2009

    Segundo un estudo realizado polo Ministerio de Educación, case a metade dos profesores de inglés de Colombia non sabe falar o idioma.

    Fonte: Colombia Reports

    08 de xuño de 2009

    Un programa cultural do Ministerio de Educación intenta salvar nove linguas indíxenas faladas en Panamá, segundo confirmou a lingüista panameña Ana Montalván, quen traballa na iniciativa promovida polo Estado.

    Fonte: Nuestro País

    08 de xuño de 2009

    O Procurador del Común, o equivalente do Valedor do Pobo en Castela e León, acaba de enviarlle á Administración autonómica unha resolución formal instando a lexislar a protección, uso e promoción da lingua leonesa, tal como establece o actual estatuto de autonomía.

    Fonte: Diario de León

    08 de xuño de 2009

    O conselleiro de Educación e Ciencia de Asturias, José Luis Iglesias Riopedre, destacou a "importante presenza" do asturiano nas aulas do Principado, onde estudan a materia 17.000 alumnos de primaria e 4.450 de secundaria.

    Fonte: El Comercio Digital

    08 de xuño de 2009

    O proxecto de lei de financiamento da Corporación RTVE dispón no seu artigo 9, como obrigas adicionais de servizo público, que "antes do 1 de xaneiro de 2013", a Corporación deberá "subtitular o 90 % dos programas e emitir polo menos dez horas á semana de interpretación con lingua de signos e dez horas audiodescritas á semana".

    Fonte: Fórmula TV

    08 de xuño de 2009

    O Reino Unido acaba de publicar o terceiro informe sobre a aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa. O informe mostra un progreso constante para linguas do Reino Unido como o galés, o córnico, o gaélico escocés, o manés e o scots, aínda que faltan detalles sobre a aplicación de medidas para o irlandés e o escocés do Ulster, que están pendentes dun informe complementario do goberno de Irlanda do Norte.

    08 de xuño de 2009

    A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, asegurou que o Executivo continuará co seu traballo de promover o recoñecemento das linguas cooficiais españolas na Unión Europea.

    Fonte: Qué

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder