Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de outubro de 2024

    O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) presentará nun prazo de dous meses un plan piloto para realizar xuízos en éuscaro. Actualmente, só unha vintena dos case 300 xuíces que exercen na Comunidade Autónoma Vasca estarían capacitados para dirixir estas vistas en éuscaro. O proxecto pretende responder tanto ás esixencias legais como ás demandas cidadás para normalizar o uso desta lingua na administración de xustiza.

    14 de outubro de 2024

    O Concello de Tarragona presentou a Oficat TGN, a nova Oficina de Promoción do Catalán, que ofrecerá 10 cursos de nivel inicial desde novembro para impulsar o uso social do idioma e reforzar a acollida lingüística. Esta iniciativa, dirixida a maiores de 17 anos, ofrecerá cursos gratuítos e con titulación oficial. Ademais, a Oficina asesorará sobre dereitos lingüísticos e promoverá o uso do catalán en toda a actividade municipal.

    14 de outubro de 2024

    A Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego publicada polo Instituto Galego de Estatística reflicte que 7 de cada 10 persoas se comunican en lingua galega.

    14 de outubro de 2024

    Julia Díaz Sixto, xornalista e presidenta do Club de Prensa de Ferrol, recibiu o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. O xurado deu a coñecer as oito persoas galardoadas na edición deste ano polo seu traballo no ámbito da creación, conservación e difusión cultural.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    14 de outubro de 2024

    A Xunta de Galicia centrará nos neofalantes e nas persoas non nadas en Galicia as súas políticas lingüísticas para incrementar o prestixio e o uso do galego, tanto a través do novo Plan de dinamización do galego de cara a 2025, como na campaña de «Saca a lingua que levas dentro».

    12 de outubro de 2024

    O Departamento de Linguas da Universidade de Helsinqui organizou unhas xornadas sobre creación literaria e tradución entre varias linguas como o galego, o éuscaro o catalán e o finés, entre outras.

    Fonte: University of Helsinki

    12 de outubro de 2024

    O Ministerio de Cultura e Turismo de Turquía prohibiu o filme en lingua kurda Rojbash por consideralo "inadecuado para a circulación comercial".

    Fonte: ANF News

    11 de outubro de 2024

    Un estudo realizado pola multinacional de educación británica Pearson revela que só dous de cada dez brasileiros están familiarizados coa lingua inglesa. É un dos peores índices de dominio de inglés en América Latina.

    Fonte: Veja

    11 de outubro de 2024

    A máis importante páxina de busca de emprego neerlandesa, Indeed, revelou que cada vez menos empresas dos Países Baixos consideran que o dominio da lingua neerlandesa é un requisito para conseguir traballo.

    Fonte: NL Times

    10 de outubro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de entrega dos premio do Concurso Escolar de Microrrelatos promovidos polo Instituto de Estudos Carballineses.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder