Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de outubro de 2024

    Un estudo realizado pola multinacional de educación británica Pearson revela que só dous de cada dez brasileiros están familiarizados coa lingua inglesa. É un dos peores índices de dominio de inglés en América Latina.

    Fonte: Veja

    11 de outubro de 2024

    A máis importante páxina de busca de emprego neerlandesa, Indeed, revelou que cada vez menos empresas dos Países Baixos consideran que o dominio da lingua neerlandesa é un requisito para conseguir traballo.

    Fonte: NL Times

    10 de outubro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de entrega dos premio do Concurso Escolar de Microrrelatos promovidos polo Instituto de Estudos Carballineses.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de outubro de 2024

    O curso ‘Llengua divertida’, organizado polo Servizo Lingüístico de Manacor, regresa cunha nova edición para ensinar catalán mediante técnicas teatrais. Dirixido a maiores de 16 anos, o obradoiro ten como obxectivo axudar tanto a quen sente vergonza de falar catalán como a falantes desta lingua que desexen mellorar a súa expresión oral. O taller, que terá lugar entre o 16 de novembro e o 15 de decembro, busca fomentar a confianza e a cohesión social a través da práctica lingüística e cultural.

    10 de outubro de 2024

    A Academia de la Lingua Asturiana abriu o prazo de inscrición para a olimpíada escolar de redacción «Urbano Rodríguez», dirixida a estudantes de asturiano e eonaviego de primaria, secundaria e bacharelato. A competición terá unha primeira fase en liña o 15 de novembro, mentres que a fase final, presencial, se celebrará o 18 de decembro.

    10 de outubro de 2024

    O 26 de outubro celebrarase no Teatro Principal de Compostela a décima edición do LGx15, un evento organizado pola CTNL que promove ideas para mellorar o futuro do galego. A xornada contará con intervencións breves, que mesturarán reflexións sobre a lingua, o medio natural, a creación ou a música, e ofrecerá novas perspectivas para fomentar a reflexión colectiva arredor deste idioma.

    10 de outubro de 2024

    A Xunta de Galicia ofertará mais dun cento de cursos de lingua e cultura galegas a persoas procedentes do exterior, que se enmarcará dentro do Plan de 50 medidas que porá en marcha de cara ao ano 2025 co obxecto de impulsar o emprego da nosa lingua en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a presentación da nova imaxe da campaña  «Saca a lingua que levas dentro».

    09 de outubro de 2024

    O tribunal administrativo de Fort-de-France, na illa de Martinica, anulou unha lei aprobada no parlamento da illa que recoñecía a lingua crioula como idioma oficial.

    Fonte: Diari de la Llengua

    09 de outubro de 2024

    A presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola dá un paso adiante e decidiu avaliar o impacto que suporá a oficialización do galego, catalán e éuscaro na Eurocámara.

    Fonte: Galicia Confidencial

    09 de outubro de 2024

    FAMPA-València lanzou a campaña "Tria valencià, tria ensenyament d’oportunitats" para incentivar as familias a escoller o valenciano como lingua principal no ensino, e na que destacan as vantaxes laborais e educativas que ofrece. A federación critica a lei de liberdade educativa que consideran que marxina o uso do valenciano nas escolas. Tamén subliñan que o coñecemento do valenciano mellora a adquisición doutras linguas e non prexudica o dominio do castelán.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder