Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de maio de 2009

    Varias localidades da periferia flamenga de Bruxelas decidiron prohibir os carteis electorais en francés. O alcalde de Afligem explica que o “persoal do municipio fará roldas todos os días para localizar os carteis francófonos e pegarán carteis en branco encima”.

    Fonte: Euronews

    06 de maio de 2009

    Manter o financiamento público das actividades realizadas en éuscaro foi o compromiso que rubricou Patxi López no seu discurso ante o Parlamento vasco. «Cumprirei a miña palabra de non reducir a dotación económica das actividades realizadas en éuscaro porque entendo que a cultura feita nesta lingua merece unha atención constante e un trato especial».

    Fonte: El Correo Digital

    06 de maio de 2009

    A riqueza lingüística de San Sebastián será unha das súas bazas como candidata a Capital Europea da Cultura en 2016, segundo resaltaron fontes da Comisión Europea (CE) tras a presentación desta iniciativa, que pretende representar a todo o territorio vasco, desde Bayona ata Bilbao.

    Fonte: Diario Vasco

    06 de maio de 2009

    O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presentou o programa de actividades que, baixo a denominación de "Maio, mes da lingua", van levar a cabo durante o presente mes na cidade do Lérez.

    Fonte: CTNL

    05 de maio de 2009

    Os dirixentes de Coalición por Melilla (CPM) están dispostos a que en 2010 estea creado o Instituto da Lingua e Cultura Amazigh. Así o afirmou recentemente o presidente deste partido, Mustafa Aberchán, quen explicou que o obxectivo principal desta institución sería dar a coñecer a lingua tamazight entre o funcionariado da cidade.

    Fonte: Melilla Hoy

    05 de maio de 2009

    Paso a paso Canal Sur vai cumprindo os compromisos contraídos coa Federación Andaluza de Asociacións de Persoas Xordas (FAAS) para ampliar a programación accesible para as persoas xordas.

    Fonte: Diario Signo

    05 de maio de 2009

    Vigo e Pontevedra acollen a primeira das 14 carreiras do Correlingua que se van celebrar en Galicia. Este ano participarán nesta actividade en defensa do idioma até 45.000 alumnos de toda Galicia.

    Fonte: Galicia Hoxe

    05 de maio de 2009

    O Goberno irlandés destinará máis de 700.000 euros á promoción da lingua irlandesa no estranxeiro este ano. Universidades e colexios universitarios de todo o mundo beneficiaranse de bolsas nun intento para conseguir que máis xente fale irlandés en todo o mundo.

    Fonte: Cultural Diplomacy News

    05 de maio de 2009

    A futura Lei de educación de Cataluña (LEC), que está a punto de recibir a luz verde da comisión de Educación do Parlamento catalán, prevé que os profesores de educación obrigatoria teñan que acreditar un nivel de linguas estranxeiras determinado -en especial de inglés- para poder exercer na escola pública.

    Fonte: La Vanguardia

    05 de maio de 2009

    Entesa Catalana del Progrés defenderá unha moción no próximo Pleno do Senado na que reclama que os grupos parlamentarios poidan intervir nas sesións de control ao Goberno en todas as linguas cooficiais.

    Fonte: Europa Press

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder